GC Aberto

A “caixa B” no Congreso do PP

Para que a corrupción deixe de ser unha forma consentida de goberno, os grupos políticos teñen que deixar de disfrazar de presunción de inocencia os delitos cometidos polos seus membros, e en responsabilidade proceder en consecuencia

Por galfon (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com.es/) | GC ABERTO | 11/02/2017

Comparte esta noticia

Xusto en vésperas do Congreso do seu partido , mentres Rajoy relataba a súa insólita e fantástica versión da conversación mantida co seu homónimo da Casa Branca, a Fiscalía Anticorrupción, á vista das declaracións do imputado Correa ante o tribunal da Audiencia Nacional sobre comisións pagas por empresarios a cambio de adxudicacións de obra pública e o ganduxo das mesmas coa presunta 'contabilidade B' no Partido Popular, decidía solicitar a reapertura do procedemento para a práctica de novas dilixencias de investigación sobre o particular.

É por iso que se o Presidente confiaba en gozar un 2017 exento de sobresaltos nunca máis lonxe da súa pretensión, pois os feitos referidos ademais de causar unha gran axitación mediática, veñen revelar que sobre a trama Gürtel falta moito por destapar, por mais ocultación que o PP faga desa rede de corrupción, que arraigando na súa sede central expandiuse por gran número dos seus gobernos autonómicos e municipais. ata o punto que a pesar das súas manobras de camuflaxes, por lazos de relación cos directos axuizados teña de responder xudicialmente como beneficiario dos delitos cometidos, e mesmamente agora, en coincidencia co Congreso Nacional a resurrección da caixa B ameace en pleno evento con enturbar aínda mais as removidas augas do seu financiamento.

Ao fío dos feitos, a fiscalía parece percibir síntomas sólidos de verosimilitude no expresado polo 'capo' da trama corrupta, quen sostén, que Medio Ambiente e Fomento, adxudicaban as obras publicas ministeriais a construtoras como OHL, ACS, Dragados e Degremont, utilizando como único procedemento mecanismos de pillaxe, a cambio de que estas sufragasen os gastos das campañas electorais do PP, e iso, en tempos en que o actual Presidente do Executivo xa era membro do Consello de Ministros.

É dicir, que segundo se desprende do actuado, durante o mandato de Aznar o amaño dos pregos de condicións , o fraccionamento dos contratos para non convocar concurso e a utilización versátil da figura do procedemento negociado, supliron a aplicación das determinacións establecidas para o efecto pola disciplina legal en materia de licitación , unha anómala forma de actuar que de ningún xeito sería posible de non mediar a permisiva complicidade de decenas de cargos públicos do Partido Popular. que non dubidaron en burlar os procedementos de libre concorrencia a cambio de comisións que en concepto de dádiva, a teor do revelado, acababan sufragando campañas electorais como tamén sendo repartido entre a cúpula do partido.

A ninguén minimamente documentado debe sorprender esta relación de conivencia, pois non en balde, é de sobras coñecido que o PP chegou mesmo a crear e repartir 'powerpoint' entre os seus cargos públicos coa finalidade de instruírlles sobre financiamento ilegal, para así poder enmascarar gastos electorais sen que pasasen pola conta oficial da campaña e evitar así sospeitas do órgano fiscalizador; protocolos que foron utilizados durante o dilatado apoxeo da ‘trama Gürtel’, un explícito paradigma que vén delatar a baixa catadura moral de quen non reparan en actuar de avalistas da ilegalidade facendo seus idénticos hábitos que os utilizados polas bandas organizadas na comisión dos seus delitos.

Pero o certo é que esa progresión de inmoralidade dual entre corruptor e corrupto asociada á función política, pola súa condición sistémica e estrutural, resulte pouco eficaz tentar combatela a través da exclusiva intervención do conduto xudicial, pois cando unha situación excedida de escala como resulta ser o caso, o tratamento da súa deriva esixe outras medidas paliativas que poñan remedio ao extravío, toda vez, que a simple aplicación do proceso penal resulta totalmente ineficaz para atallar os desmedidos niveis de transgresión.

A tolerancia asentida durante anos fixo que a corrupción estea actualmente incrustada na medula do sistema e siga prodigándose a súa proliferación, como poñen de relevo as múltiples causas ilícitas e os numerosos suxeitos connotados con esferas da administración que pola súa relación coa contratación pública propician vulnerabilidade , ámbitos onde a xulgar polos feitos o actual marco xurídico resulta canto menos insuficiente, pois non resolve de ningún xeito as profusas deficiencias dos seus mecanismos de control.

Por iso é polo que para eliminar a permanente corrupción política sexa obrigado o establecemento dunha función pública moito mais ríxida que a actual , que pasa forzosamente por impoñer como esixencia, que todo posto de responsabilidade na xestión de obras e servizos recaia exclusivamente en funcionarios públicos de carreira con plenas atribucións de control e fiscalización dos procedementos de contratación ; excluíndo para tal finalidade a contratados políticos e persoal de confianza polo alto risco da súa tendencia proclive a favorecer por dependencia a comisión do delito.

Dicir xa que logo, que mais alá do labor librado por xudicatura contra esta pandemia, as forzas políticas involucradas deben proceder vía emenda , por iso é polo que o PP pola inherente parte que lle toca debese aproveitar a oportunidade que lle brinda a celebración do seu Congreso Nacional para aprobar no súa clausura unha proposta de resolución nos devanditos termos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta