O Dépor repite desgraza

O equipo deportivista adiántase en San Mamés cun golazo de Emre Çolak pero acaba caendo tras encaixar dous goles do Athletic nos últimos vinte minutos. Os de Gaizka Garitano suman cinco xornadas sen gañar e once a domicilio sen vitorias.

Por gcdeportes | A Coruña | 11/02/2017 | Actualizada ás 22:07

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Athletic Club 2:
Gorka Iraizoz; De Marcos, Yeray, Laporte, Balenziaga; San José, Beñat (Iturraspe, 68’); Williams (Villalibre, 84’), Raúl García (Susaeta, 68’), Iker Muniain e Aduriz.
RC Deportivo 1: Tyton; Juanfran, Raúl Albentosa, Sidnei, Navarro; Guilherme, Celso Borges; Carles Gil, Emre Çolak (Fayçal Fajr, 87’), Kakuta (Ola John, 66’) e Florin Andone (Joselu, 87’).
Goles: 0-1: Emre Çolak (minuto 42). 1-1: Iker Muniain (71’). 2-1: Aduriz (89’).
Árbitro: Mario Melero López (andaluz). Amarelas a San José (62’) no Athletic e a Navarro (58’) e Joselu (88’) no Dépor.
Incidencias: partido da 22ª xornada de Primeira División disputado no estadio de San Mamés ante 41.469 espectadores. Minuto de silencio na memoria dos 17 falecidos nun estadio de Angola.

O Dépor tivo ao alcance a primeira vitoria a domicilio do curso, tras marcar Emre Çolak un golazo pouco antes do descanso, pero, como no Bernabéu ou na Rosaleda, acabou caendo no asedio final do Athletic. Iker Muniain, artífice da reacción bilbotarra, fixo o empate a vinte minutos do final, e Aduriz, no día do seu 36 cumpreanos, culminou a remontada local. Segunda derrota consecutiva e cinco xornadas xa sen gañar. O Dépor aínda non venceu neste 2017 e ten a seis puntos os postos de descenso.

Emre Çolak celebra o 0-1 en San Mamés.
Emre Çolak celebra o 0-1 en San Mamés. | Fonte: lfp.es

Controlou o Dépor o partido na primeira metade, e tivo as mellores ocasións ante un Athletic case inofensivo. Despois dun remate de Yeray que detivo Tyton no minuto 20, Florin Andone tivo un par de ocasións: primeiro chutou frouxo ás mans de Iraizoz tras unha asistencia de Çolak e despois rematou dende lonxe desviado unha contra deportivista que o deixou só ante o meta local. Emre Çolak foi, unha vez máis, o mellor dos coruñeses e pouco antes do lecer marcou cun impresionante zurdazo con efecto que non atallou Iraizoz. 0-1 ao descanso.

Nada mudou tralo paso por vestiarios, e Andone, que non atinou cun disparo a centro de Kakuta, e Guilherme, que rematou un córner no primeiro pau, tiveron ocasións de pechar o partido cun 0-2 que non chegou. Raúl García avisou cun remate coa testa ao traveseiro tras centro de Beñat. Debutou Ola John por un canso Kakuta e Ernesto Valverde deu entrada a Susaeta e Iturraspe, e axiña chegou o empate do Athletic. Marcou Iker Muniain o 1-1 tras un mal despexe de Tyton a un remate coa testa de Aduriz.

O Dépor estaba desaparecido, e o Athletic empurraba polo segundo. Entraron Joselu e Fayçal Fajr, pero os de Gaizka Garitano seguiron sufrindo o asedio dos vascos. Sobre a bucina, Aduriz, en fóra de xogo, aproveitou unha nova xogada de Muniain para facer o 2-1 definitivo e deixar tocado ao Dépor cunha nova derrota nos minutos finais.

Ledicia nos bilbotarras, desilusión nos deportivistas.
Ledicia nos bilbotarras, desilusión nos deportivistas. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta