Anxo Lorenzo: “O galego é a imaxe de marca da nosa cultura de onte, de hoxe e mañá”

O secretario xeral de Cultura analiza nesta entrevista a situación dos principais sectores culturais do país, desde a tensa situación do Centro Dramático Galego ata o estado no que se atopa a produción editorial en galego. Sobre o famoso decreto do plurilingüismo que impulsou hai sete anos suliña con contundencia que “foi o mellor que se puido facer naquel momento”.

Por Xurxo Salgado | Santiago de Compostela | 15/02/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

“A crise comeza a cambiar e así indican datos de consumo cultural en 2015”, apunta Anxo Lorenzo. Unha crise que supuxo un retroceso importante para as industrias culturais do país que, agora, di, comezan xa tentar levantar cabeza. 

Anxo Lorenzo durante a entrevista co GC
Anxo Lorenzo durante a entrevista co GC | Fonte: Xosé Bocixa

Unha cultura galega na que tamén ten moito peso a Cidade da Cultura que “non é un problema, senón un socio, un elemento tractor da cultura de Galicia”. E aclara, “non é o proxecto cultural de Galicia, senón un proxecto máis”. Lorenzo tamén se refire ao sector editorial e di que o seu reto é a proxección exterior porque, “agás dúas ou tres editoriais, o resto non fai nada pola exportación”.

Sobre a crise aberta no Centro Dramático Galego, coa dimisión da metade do xurado de selección de actores, tamén é contundentes. “No CDG fanse espectáculos públicos e teñen unhas regras públicas de contratación. E ao ser públicos pois ten normas. Se hai alguén que non quere cumprir estas regras pois renuncia e o proceso continúa”. 

E votando a ollada atrás ten claro que o decreto do galego, que impulsou e que tan polémico resultou, “foi o mellor que se puido facer naquel momento”. “Como filosofía sigo defendendo o mesmo: Equilibrio entre as dúas linguas cooficiais, apertura ao multilingüismo e impulso do galego. E comparto punto por punto esa filosofía”, sinala.

Como está o estado da Cultura en Galicia?

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura
Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura | Fonte: cultura.gal

A situación da cultura en Galicia tería moitos focos de atención. Se vemos o das actividades pois é altísimo por todo o país. Hai moita actividade cultural e feito por moito tipo de axentes. Sobre a industrial cultural pois a crise pasa factura, como noutros sectores. A industria estabilizouse nunha situación de pouco máis de 6.000 empresas.

Pero o volume de negocio é moi inferior ao de antes da crise, máis dun terzo...

Si. É certo, pero tamén se estabilizou o número de empresas. É certo que hai crise, pero igual que hai nas familias. E iso nótase na demanda e no acceso á cultura.

É certo que houbo unha gran crise na cultura, pero seguimos con moitas críticas de moitos sectores; o sector editorial, o das artes escénicas, o do patrimonio... Como é isto?

Pois porque quizais moitos destes sectores estaban moi vinculados ao sectores públicos e, nun contexto de crise, pois a caída de axudas tamén lles influíu moito.

E non é que a cultura é o bicho raro da Xunta?

Eu non o vexo así. Eu penso que coa crise caeron as inversións en todos os departamentos. Non coñezo ningún departamento contento co nivel de orzamentos. Na Cultura había un tecido empresarial importante que coa chegada da crise –axudas e a demanda-- caeron e por iso o sector cultural galego pasa dificultades, como pasa en toda España. Esa situación xa empeza a cambiar. Os datos de consumo da cultura no 2015 xa cambiaron. É certo que nuns sectores máis que noutros. Hai xa un gasto de máis de 600 millóns de euros das familias. Tamén hai recuperación de investimento público na Xunta... Na área de Cultura e Patrimonio chegamos a case 65 millóns.

E ese aumento a que vai destinado?

Pois sobre todo a manter o que temos.

Ousexa, ao de sempre, para manter grandes obras como os da Cidade da Cultura, non?

Que va. Só leva pouco máis de nove millóns. Pero lembro que no 2009 era de 40 millóns o orzamento.

Home, se non se reduce pola crise entón...

Xa, xa.. Pero agora hai traballadores alí que non os había no 2009. Pero, insisto, a CdC non é un problema para a cultura, senón un socio, un elemento tractor da cultura de Galicia.

E como se fai iso?

Pois xa o levamos facendo cinco anos, e seguindo punto por punto o que di o plan estratéxico da CdC. É unha actividade cultural aberta, cunha participación activa do sector cultural galego. Aí temos a recta final de Escenas do Cambio, cun gran espectáculo vangardista. Ese foi xa un cambio. Tamén hai un proxecto de emprendemento cultural. Está o espazo de coworking cheo e con lista de agarda. Tamén o viveiro tecnolóxico. Logo están os dous proxectos da Biblioteca e arquivo de Galicia que son máis da consellería. E tamén está o Amtega. E a iso engadímoslle o ano pasado o Bosque de Galicia. Non estaba no plan estratéxico pero vimos que era óptimo desenvolver isto. Tamén resolvemos o asunto das dúas fundacións...

Pero é a CdC o centro da cultura como quería Fraga?

Eu non sei o que se pretendía. Eu estaba fora. Pero é certo que nestes anos a idea da CdC foi fermentando. Eu non sei que pretendía ser antes.

E non foi un erro cando se presentou o proxecto inicial vendo no que se converteu?

A CdC é un proxecto que naceu, que está vivo. Que ten moitas posibilidades para conectarse con outros sectores culturais. E non é o proxecto cultural de galicia, senón un proxecto máis. Ás veces desde Compostela hai un certo compostelacentrismo que non se entende desde fora. Galicia é un espazo cultural moi grande e hai cultura en todos os lados. Nesta lexislatura un reto é impulsar unha reflexión sobre a cultura galega e esa reflexión ten que conducir a un pacto pola cultura e aí ten que quedar claro que a CdC ten que ser ese proxecto colaborativo no que todos se sintan reflexados. Non é un competidor nin un menoscabo para ningún outro sector, senón un proxecto máis.

Falas do pacto pola cultura. Que obxectivos e a quen queres implicar?

Esta estratexia da cultura no horizonte 21 é unha reflexión compartida para ver como será a cultura na segunda década do século XXI. A Galicia do 17 non é a do ano 10 ou 11. Os plans a catro ou sete anos si vale, pero non máis alá porque estamos sempre en situacións moi cambiantes. Pero si podemos ter pioridades para os tempos vindeiros. Tamén o 21 coincide con Ano Santo e será unha data relevante. E, por iso, hai que ver de onde vimos e ver cara a onde vamos. Hai moitos cambios na cultura. Aí está o espazo dixital con novos retos. Mira como é o panorama dos medios hai dez anos e como é agora. Por iso, é importante sentar, falar e establecer datos de partido e facer unhas iniciativas razoables para levar a cabo nos vindeiros anos. Trátase de preguntarnos se queremos que a cultura de base estea atendida con estas ou outra prioridades, que o patrimonio poida focalizar nestes ou outros aspectos ou saber cara onde van ir as industrias culturais.

Problemas no CDG

Falabas antes de espazos escénicos. Estes días hai un gran follón montado no Centro Dramático Galego (CDG). A que se debe isto, e non me digas que son cuestións persoais?

Pois no CDG fanse espectáculos públicos e teñen unhas regras públicas de contratación. E ao ser públicos pois teñen normas. Se hai alguén que non quere cumprir estas regras pois renuncia e o proceso continúa. Esta semana comeza a elección do elenco de actores. Desde unha administración non podemos saltarnos as regras que rexen as nosas contratacións desde a propia institucións.

Foi a metade do tribunal a que renunciou e xa hai moita xente do sector que mostrou o seu cabreo ao respecto...

Insisto no dito. 

E non se pode cambiar o sistema no futuro?

O que?, a Lei de Contratos de Galicia?.

Ti circunscribes todo á Lei de Contratos de Galicia. Entón a dimisión de Manuel Guede a que se debeu?, tamén a Lei de Contratos de Galicia?

Si, si... Claro. Ten que ver. Insisto, isto é unha Administración pública, non unha empresa privada. Temos unha asesoría xurídica que nos marca unhas pautas que temos que cumprir porque teriamos responsabilidades penais se non o facemos así e non podemos saltar as regras.

Sobre esta cuestión tamén hai queixas sobre a baixada de investimentos públicos no CDG. É lóxico que haxa rebaixas pola crise, pero como é posible que se den millonadas a empresas privadas para facer series e non se invista nas infraestruturas escénicas públicas?

No AGADIC fixemos uns investimentos de case 22 millóns. 9,5 foron para artes audiovisuais e máis de 8,4 para artes escénicas. A parte fundamental, que é a que reclama o sector escénico foi para produción e distribución escénica. É un nivel de investimento parecido a outros anos. Outra cousa é a TVG que ten responsabilidade no ámbito audiovisual. Gustaríanos ter máis orzamento para as producións do CDG. E esperamos que aumenten no futuro. Pero tamén é relevante que haxa máis cartos para produción e distribución. E aí estamos na medida en que a situación económica sexa mellor.

Falando de política editorial que xa tocaches no Parlamento a pasada semana. Hai críticas no sector pola baixa do negocio. Como ves ti ao sector?

Pois, si, efectivamente. As cifras están aí e hai unha redución de títulos e de traducións ao galego e estancamento no ámbito lector. A edición non está separada da lectura. Obviamente, desde a administración queremos que as editoriais funcionen ben pero tamén nos preocupa o que pase coa lectura. E, ante iso, hai algún dato que pode ser entendido en clave positiva. Houbo un esforzo importante na dixitalización, no libro dixital. En xeral é certo que a baixada de orzamentos públicos tamén impactou no funcionamento das editoras privadas. Tamén había unha compra institucional que financiaba á empresa privada. Pero no momento no que os recursos públicos baixaron tamén repercutiu nas empresas, igual que unha capacidade de compra menor por aparte das familias. Pero en función da mellora da economía, eu penso que o sector tamén aumentará. Movémonos en máis de 2.000 titulos anuais e iso aumentará en función da mellora da economía. Este ano o que fixemos foi aumentar o orzamento dispoñible en 1,7 millóns. E tamén hai lanzadas tres ordes de subvencións para novidades, melloras de coleccións de bibliotecas municipais e ordes de tradución por 700.000 euros. O sector xa o sabe.

E non cres que tamén inflúe que a xente lea menos en galego?

Non teño ese dato.

Eu falando con xente do sector é algo que me teñen comentado. Non tanto no de produción editorial, pero si no da lectura

Non coñezo ese dato. Pero o de ler penso que, cada vez, lemos máis porque hai moitos dispositivos. En todo caso, o libro quizais se lea menos, pero non a lectura como fenómeno global. Nós seguimos considerando o libro moi importante para a nosa cultura e por iso todos temos que remar na mesma dirección. A edición ten un reto que eles saben que é a proxección exterior. Agás dúas ou tres editoriais, o resto non fai nada pola exportación. E vemos como esa foi unha vía das empresas galegas. Por iso creso que as editoras teñen que ir cara aí e saben que é un campo aínda por sachar. Tamén é moi bo que o presidente dos editores coñeza moito esa visión e vexa as súas potencialidades.

O galego como marca

Entón o galego segue vendendo, como cultura, como lingua?

O galego é a imaxe de marca da nosa cultura de onte,de hoxe e mañá... Iso non está en discusión e en debate. Ese é o elemento máis identificativo da nosa cultura, mesmo naqueles ámbitos onde a cuestión lingüística é menor, como pode ser o sector da plástica. Pero tamén aí hai unha imaxe de marca que os identifica.

E se é unha imaxe de marca porque non se potencia a nivel lingüístico. E agora me meto nun tema que ti coñeces porque traballaches nel cando eras secretario xeral de Política Lingüística. Porque a Xunta inviste tanto nos medios en español e case nada nos medios en galego, por exemplo?

Non me fagas falar de ámbitos que non teñen que ver coa miña área porque piso a outros colegas e logo ....

Insisto... Por que falando de galego e de cultura, non se potencia un sector tan importante como son o dos medios en galego e si se fai co dos medios en español?. Por que aí non se queren establecer regras?

Eu penso que os que estades traballando en galego facedes un traballo moi importante. Os que estades en dixital e en galego chegades a sectores da poboación aos que outros medios non chegan con tanta facilidade e impulsades iniciativas interesantes e emerxentes que outros non fan pero máis alá diso eu...

Entendo que non te queiras meter a falar nun tema que para ti é complicado responder... En todo caso, levas 5 anos sen ser secretario xeral de Política Lingüística. O tempo deuche a razón ou non co famoso decreto?

Non o sei. Ter razón ou non é o de menos. Eu penso que o decreto foi o mellor que se puido facer naquel momento. Pensemos nas circunstancias actuais. Sempre hai problemas na lingua cun debate soterrado e de fondo. Pero no 2009 había posturas moi diverxentes e enfrontadas cun gran nivel de belicosidade intelectual e de trincheiras moi ben cavadas. Vendo isto con sete anos pois eu penso que era o decreto que había que facer naquel momento. Abriu á porta ao plurilingüismo que era moi necesario pensando nas linguas estranxeiras e no caso de galego e castelán estableceu un marco de equilibrio que agora hai que ver co novo marco do LONCE. Pero como filosofía sigo defendendo o mesmo: Equilibrio entre as dúas linguas cooficiais, apertura ao multilingüismo e impulso do galego. E comparto punto por punto esa filosofía.

E o Anxo Lorenzo docente, académico volverá a este ámbito cando deixe as responsabilidades públicas?

Claro, obviamente.

E non temes atoparte a moitos inimigos?

Atoparei compañeiors de carreira e de facultade. Con moitos deles manteño a día de hoxe moi boas relacións. 

Que así sexa entón...

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura
Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura | Fonte: cultura.gal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

4 Baixa intensidade

Con moitos deles non, con un só. Ao resto atraizoáchelos cando atraizoaches a lingua. É mellor que quedes pra sempre chupando do bote do PP. Traidor.

3 Lozano & Lores SLU

"Non me fagas falar", vai de apolítico quen promove e tamén executa as políticas nefastas dun goberno, como se non tivese responsabilidade directa nese goberno! "Ter razón ou non é o de menos", a xustificación filosófica perfecta dun político caradura ao servizo do Partido Podre!

2 cumpar

o tipo eh cinico de caralho. coa sua politica etnicida acadam baixar do 80 p.c. de galegofalantes ao 15 p.c. dos cativos hoje em dia. e ainda fala de equilibrios linguisticos.

1 Bufffff

Como que se gana los garbanzos chupando del bote del gallego ¿Qué va a decir? El gallego está asociado, o bien a nacionalismo empedernido, o a la Galicia profunda y de lo más chabacana. No tiene futuro, y lo saben. Pero mientras, hacen que hacen unos cuantos sinvergüenzas se arreglan la vidiña a todo tren con subvenciones o puestos de trabajo inútiles. Por lo tanto, lo de la marca del mañana la puede obviar, tanto porque la gente no quiere Galicia profunda ni chabacana o nacionalismo empedernido, como porque padecemos un suicidio demográfico que en pocas generaciones hará anecdóticos a los aborígenes de Galicia, con su cultura y la vernácula rituaria.

1 teutonio

Pois haberá que facer política lingüística pra que unha lingua e os seus falantes deixen de sufrir inxustos preconceitos, non é?.

2 jose

?Un pouco de respeito e de educacion, eu nin profundo nin chabacano, vivin en 5 países e falo 6 linguas, asi que aplícate o conto e non cuspas paraarriba por que che pode cair encima