A unha canastra da sorpresa

Mickey McConnell erra o último lanzamento e o Obradoiro cae 87-86 co Baskonia en Gasteiz. O equipo compostelán remontou dez puntos no último cuarto e chegou a poñerse por diante, pero Beaubois anotou a canastra decisiva a 13 segundos do final. Espectacular Shayne Whittington, con 26 puntos e 3 triplas.

Por gcdeportes | Compostela | 12/02/2017 | Actualizada ás 20:56

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Baskonia 87:
Adam Hanga (22), Laprovittola (15), Budinger (5), Voigtmann (9), Kim Tillie (6) -cinco inicial- Bargnani (2), Rafa Luz (8), Beaubois (18) e Sedekerskis (2).
Obradoiro 86: Mickey McConnell (12), Dulkys (5), Bendzius (14), Rosco Allen (7), Pustovyi (8) -cinco inicial- Matulionis (6), Nacho Llovet (4), Pepe Pozas (4), Santi Yusta (0) e Whittington (26).
Parciais: 27-18, 20-21 (47-39), 19-20, 21-27 (87-86).
Árbitros: Carlos Peruga, Calatrava e Anna Cardús. Eliminaron por cinco faltas a Pepe Pozas.
Incidencias: partido da 21ª xornada da ACB no Buesa Arena de Vitoria ante 8.145 espectadores.

Errou o último tiro Mickey McConnell para dar a sorpresa en Gasteiz. Reaccionou con garra o Obradoiro no último cuarto, remontou dez puntos de desvantaxe e chegou a poñerse por diante do Baskonia tras cinco puntos de McConnell, pero o base estadounidense errou na última posesión, na que os composteláns acusaron os nervios. Ao final, 87-86 nun partido que puido caer para calquera dos dous bandos. Non chegou co espectacular partido de Shayne Whittington, autor de 26 puntos e 7 rebotes. O Obra segue en postos de descenso, con cinco vitorias, a unha de UCAM Murcia e Joventut.

McConnell puxo por diante a Obradoiro no último minuto pero errou o último tiro.
McConnell puxo por diante a Obradoiro no último minuto pero errou o último tiro. | Fonte: ACBPhoto

2+1 de McConnell, tripla de Rosco Allen e 2+1 de Bendzius. Obradoiro comezou sumando de tres en tres e mantiña o marcador igualado (10-11). Pero un parcial de 10-0 para os vitorianos abriu oco (27-15), menos mal que Pozas pechou o primeiro cuarto cunha tripla lonxana: 27-18.

O Obra arrincou o segundo acto arrasando co rival: parcial de 0-13, con 10 puntos consecutivos de Whittington, e os galegos ían por diante (27-31) ata que se foi a luz no Buesa Arena. Tralo parón, o ex-obradoirista Rafa Luz liderou a reacción local con 8 puntos, e Moncho Fernández parou o partido con 41-33. Tras un intercambio de canastras, 47-39 ao descanso.

Artem Pustovyi anotou seis puntos consecutivos na reanudación, pero foi tras unha tripla de Bendzius que Sito Alonso parou o partido (57-50). Adam Hanga era un pesadelo para os composteláns, pero Matulionis pechou o terceiro acto cunha tripla (66-59) e todo por decidir.

Tripla de Hanga e dez abaixo (69-59). De novo Whittington (dúas triplas para 8 puntos) meteu ao Obra de cheo no partido (75-72) e Bendzius empatou o partido 77-77. Obradoiro, malia o desacerto no tiro de Dulkys (acabou con 0/7 en triplas), estaba no partido. Unha tripla e unha canastra de McConnell puxo por diante ao Obra a 25 segundos do final, pero Beaubois anotou a canastra decisiva e McConnell, nun mal ataque final, errou o último tiro. O vindeiro sábado, cita con Andorra no Fontes de Sar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta