Outro pau ao Celta

O equipo celeste estraga en dous minutos o traballo de todo o partido e deixase remontar con dous goles do Atleti na recta final do encontro para acabar perdendo 3-2. O xoves, ida da Europa League co Shaktar Donestk.

Por gcdeportes | Vigo | 12/02/2017 | Actualizada ás 23:59

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Atlético de Madrid 3:
Moyá; Juanfran (Vrsaljko, 46’), Savic, Lucas, Luis Filipe; Koke, Gabi, Saúl (Correa, 71’), Carrasco; Griezmann e Fernando Torres (Kevin Gameiro, 75’).
RC Celta 2: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny; Radoja, Tucu Hernández, Jozabed (Daniel Wass, 63’); Pione Sisto (Théo Bongonda, 68’), Iago Aspas (Chelo Díaz, 84’) e John Guidetti.
Goles: 0-1: Cabral (minuto 5). 1-1: Fernando Torres (11’). 1-2: Guidetti (77’). 2-2: Yannick Carrasco (86’). 3-2: Griezmann (88’).
Árbitro: Hernández Hernández (canario). Amarelas a Guidetti (41’) e Jonny (73') no Celta e a Gabi (90’) no Atleti.
Incidencias: partido da 22ª xornada de Primeira División disputado no estadio Vicente Calderón ante uns 35.000 espectadores.

Sergio ÁLvarez despexa cos puños un dos moitos centros á área do Atleti.
Sergio ÁLvarez despexa cos puños un dos moitos centros á área do Atleti. | Fonte: lfp.es

“Faltounos oficio para pechar o partido”, recoñeceu Berizzo ao remate do partido. O Celta tiña o partido gañado, tralo 1-2 de Guidetti a falta de quince minutos, pero en dous minutos encaixou dous goles e acabou perdendo 3-2 ante o Atleti no Calderón nun partido trepidante. Segundo pau trala eliminación de Copa en catro días aos celestes, que deberán recuperarse para xogar o xoves a ida dos 1/16 de final da Europa League co Shaktar Donestk.

Non houbo nin un segundo de pausa no primeiro tempo, con dous equipos loitando cada balón con intensidade e buscando a portaría rival, tentando esquecer canto antes a derrota nas semifinais de Copa. Un erro no minuto 5 de Moyá, que fallou no despexe, propiciou o 0-1 coa testa de Cabral. Pouco durou a vantaxe viguesa, xa que Fernando Torres, cun remate imposíbel de costas por riba de Sergio Álvarez, inventou o empate (1-1) apenas cinco minutos despois.

O Atleti tiña máis posesión, pero o Celta levaba máis perigo, pola esqueda con Pione Sisto ou pola dereita, como nun centro de Hugo Mallo que rematou Aspas coa testa preto do pau ou como nunha contra perfecta dos celestes que acabou nun remate de Jozabed ao pau. Na xogada seguinte, o árbitro sinalou un penalti inexistente de Roncaglia, pero Fernando Torres disparou ao traveseiro. Sergio Álvarez si interviu para evitar o segundo dos madrileños nun man a man ante o belga Yannick Carrasco. Trala primeira media hora frenética, aos dous equipos non lles quedou outra que baixar de revolucións.

Trala reanudación, o choque seguiu igualado e intenso, pero con máis erros no mediocampo e sen tantas chegadas ás áreas. O Celta tiña o partido controlado, e apenas pasaba perigo na súa área. Entraron Daniel Wass e Bongonda por dous xogadores cansos como Jozabed e Pione Sisto. John Guidetti tivo o segundo celeste no minuto 75, pero encheuse de balón e foiselle o remate ás nubes. Non errou dous minutos despois, tras un pase de Daniel Wass, que converteu no 1-2 a falla de 15 minutos.

O Toto Berizzo tentou pechar o partido dando entrada a Chelo Díaz no canto de Iago Aspas, pero o troco fixo que o Celta se pechase no seu campo. Sergio Álvarez evitou o empate nun novo man a man con Carrasco, pero nada puiso facer nun remate de volea do belga, cos problemas de sempre da defensa celeste para despexar os balóns aéreos. Carrasco fixo o 2-2, e apenas dous minutos despois, Griezmann o 3-2 definitivo. O Celta buscou o empate á desesperada, pero o Atleti ten o oficio que Berizzo asegura que lle falta ao Celta. Catro días despois da eliminación de Copa, novo pau na Liga no Calderón.

Os xogadores celestes despídense dos seus afeccionados no Calderón.
Os xogadores celestes despídense dos seus afeccionados no Calderón. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta