Temas: ELECTRICIDADE

Anoxadas con Fenosa e coa Xunta

Gas Natural Unión Fenosa mentía cando o día 7 pola mañá daba por solventada a crise dos cortes de luz. Este é un dos puntos en común do relato da peripecia sufrida nos fogares Ruth Chao e Masiel Otero, dúas das miles de casas que botaron días a escuras tras o último temporal. Falamos con elas dos cortes e da “resposta de patio de colexio” dada por Feijóo.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 14/02/2017 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

“Ese martes 7 febreiro nós estivemos máis de dez horas sen luz” láiase Ruth Chao mentres que a súa veciña confirma que “ese mesmo día faltaranos á luz bastantes horas”.

Sede de Gas Natural Fenosa
Sede de Gas Natural Fenosa | Fonte: lavozlibre.com

Dende o día 3 de febreiro, os cortes foron contastes nestas casas da Estación de Oroso, preto de Sigüeiro. Dunha vez botaron unhas 38 horas seguidas sen corrente. Até entrado o día 8 non se recuperou a normalidade. En total, cinco días de retorno ao pasado.

As dúas veciñas destacan que, malia viviren no rural, a Estación de Oroso non é unha zona apartada.  “É unha zona rural pero non illada, estamos á 2 quilómetros de Sigüeiro e a 12 de Santiago”, sinala Masiel Otero. Ruth Chao tamén opina que “non se trata para nada dunha área illada ou moi rural, senón dun lugar considerablemente poboado e en crecemento, onde temos varias actividades comerciais como un famoso restaurante de recoñecido prestixio, instalacións gandeiras, carpinterías, unha empresa de produción audiovisual, unha escola infantil, etc.”.

O impacto económico directo na comarca é evidente.  Por exemplo, o restaurante local non puido atender a clientela. Tamén afectou a negocios máis pequenos, como o da propia Chao, produtora audiovisual. “Nós traballamos case exclusivamente con canais de televisión estranxeiros aos que resulta moi complicado explicarlles que non podes cumprir cos teus compromisos porque levas varios días sen electricidade; non é algo que eles podan entender fácilmente, polo que a imaxe que das é terceiromundista”, quéixase. 

A produtora tivo que aprazar varias entregas e reunións.  “Xa ás veces parece que lles costa confiar nun provedor español, pois este tipo de cousas non axudan nada, a verdade”.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co presidente de Gas natural Fenosa, Salvador Gabarró
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co presidente de Gas natural Fenosa, Salvador Gabarró | Fonte: Ana Varela

A súa veciña tamén fai, por iniciativa propia, comparacións co vivido noutros lugares cando estivo emigrada: “Eu vivín fóra 22 anos e non me acordo de haber sufrido un apagón; e se ían a cortar o subministro para facer algún traballo avisaban con tempo por escrito, 1 ou 2 semanas antes dicindo o día e o horario no que ía faltar”.

As dúas familias relatan uns días complicados nos que, en palabras de Otero, “estivemos sen auga, sen calefacción, sen poder facer de comer”.Para a familia veciña foi moi difícil porque “nós temos dous nenos pequenos, un deles aínda bebé ao que nin un biberón lle puidemos quentar”. Os rapaces non deixaron de acudir á escola, cuxa foto ilustra esta reportaxe, “pero eso sí: cos abrigos postos, claro, polo frío”. 

A situación complicouse até tal punto que algúns veciños tiveron que marcharse a vivir a un hotel. 

Que lles parece aos afectados o anuncio da Xunta de abrir un expediente informativo a Fenosa e outras distribuidoras? Nas respostas destas dúas mulleres hai moito escepticismo. Masiel cre que “máis que nada e para intentar quedar ben e dicir que están facendo algo” e que “deberían tomar máis medidas” como, en particular, facer o mantemento das liñas para evitar as avarías.

Ruth é da mesma idea cando sinala que “isto é o típico que se fai para ‘facer que fas algo’ ” . Cai un paso máis aló ao argumentar que “que o goberno galego non pida automáticamente sancións para Fenosa é algo que non me cabe na cabeza, Fenosa ten a obriga de darme luz e eu a obriga de pagala, por moi cara que sexa, Pero Fenosa incumpre o seu contrato e non pasa nada”. O gasto de 100 millóns ao ano en mantemento das liñas do que presume a eléctrica non lle parece dabondo, polo que reclama ao Goberno unha auditoría do estado real das liñas.

E como se lles queda o corpo aos afectados cando escoitan ao seu presidente dicir que co bipartito -hai case unha década- os cortes duraban máis? A Masiel Otero non lle parece ben.  Cree que “non é escusa, agora están eles no poder e deben actuar responsablemente”. “Sempre é máis fácil falar do pasado e do mal que fixeron os demais en vez de mellorar”, engade.

Para Ruth Chao o dito por Feijóo é unha “a típica resposta infantil e vacua á que tristemente estamos acostumados xa neste país”. Unha resposta típica de “patio de recreo”, dalguén que se aproveita da existencia dunha cidadanía que, salvo casos particulares como o destas mulleres, acostuma a calar, incluso cando botan varios días a escuras.

Escola en Oroso, unha das zonas afectadas polos cortes de luz
Escola en Oroso, unha das zonas afectadas polos cortes de luz | Fonte: Ruth Chao
Temas: ELECTRICIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta