Europa para esquecer penas

O Celta busca ante o Shakhtar Donetsk un resultado que o achegue aos oitavos de final da Europa League e tomar o desquite da eliminación da Copa e da derrota no Calderón. “Somos capaces de gañarlle a calquera”, asegura o Toto Berizzo.

Por gcdeportes | Vigo | 16/02/2017 | Actualizada ás 08:36

Comparte esta noticia

“Somos capaces de gañarlle a calquera”, sostén Berizzo malia que os resultados do rival meten medo: invicto na Liga con 16 vitorias en 18 xornadas e seis de seis en Europa. Trala decepción de quedar en Gasteiz fóra da final de Copa e tras caer no Calderón con dous goles do Atleti nos últimos minutos, o Celta afronta un novo desafío coa eliminatoria de 1/16 de final da Europa League contra o Shakhtar Donetsk (19.00 horas).

O equipo ucraíno, adestrando onte en Balaídos.
O equipo ucraíno, adestrando onte en Balaídos. | Fonte: @FCShakhtar_eng

Actual líder da liga ucraína e sen ceder ningún punto en Europa ata chegar a Balaídos, o Shakhtar suporá outra esixente proba para un Celta ferido, aínda que os ucraínos hai máis de dous meses que disputaron o seu último partido oficial (12 de decembro) polo receso invernal.
“Non encaixar sería unha boa nova, pero o plan do partido é facerse dono da pelota e atacar para marcar goles”, avisa Berizzo das intencións celestes, malia que os ucraínos promedian 3,5 goles nesta competición, con seis vitorias en seis partidos e catro encontros coa súa portaría a cero.

O Celta semella que recuperará a Daniel Wass e Théo Bongonda  para o once inicial no canto de Jozabed e Pione Sisto, titulares no Calderón, e recorrerá o seu once de gala para unha cita europea coa que pretende esquecer as últimas feridas: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny; Radoja, Tucu Hernández e Wass; Bongonda e Aspas nas bandas para seguir con John Guidetti en punta. “As derrotas nos dan enerxía para recuperarnos”, asegura Berizzo, que cre que o seu equipo demostrou no Calderón terse recuperado do duro golpe da Copa.

Pola súa banda, o Shakhtar Donetsk afronta a eliminatoria co mesmo optimismo que os celestes, tras unha concentración en Braga, un dos seus rivais na fase de grupos e onde disputaron un amigable ante o Río Ave (0-3). O seu técnico, o portugués Paulo Fonseca, recoñece que “o ritmo de competición non é o mellor”, pero asegura que están moi motivados e non será unha escusa para tentar chegar “o máis lonxe posíbel”.

Nesta mesma semana, Fonseca soubo que non poderá contar cun dos seus piares no centro do campo, o internacional Taras Stepanenko, a quen a UEFA sancionou por buscar de xeito intencionado a amarela no quinto partido da fase de grupos. Aínda que por tradición, as súas principais estrelas adoitan ser brasileiras, o seu eterno capitán é o veterano internacional croata Dario Srna (sonou no mercado invernal para o Barça) e o seu goleador o arxentino Facundo Ferreyra. Por mor do conflicto no este de Ucraína, o Shakhtar, equipo que representa á cunca mineira prorrusa, disputa os seus partidos de casa na capital (Kiev) ou no oeste do país (Lvov).

“Agardo un equipo moi ben preparado, non creo que o receso lles afecte, e será o mesmo equipo que vimos na fase de grupos da Europa League, un equipo perigoso, afeito a competición europea e que será un reto para nós. Os dous Shakhtar, o que contraataca e o que domina o balón, son perigosos”, avisa Berizzo, que confía no apoio da bancada malia a que Balaídos (como co Real Madrid ou Alavés) non se encherá.

Balaídos acolle a ida dos 1
Balaídos acolle a ida dos 1 | Fonte: 16 da Europa League entre Celta e Sakhtar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta