Grupo vicepresidido por ex-conselleiro leva 1,5 millóns en contratos da Xunta

Unha das adxudicacións é para o metro lixeiro da comarca de Santiago de Compostela, proxecto que dorme nun caixón tras ser presentado por Agustín Hernández e Conde Roa en 2011.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 17/02/2017 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

José Antonio Carlos del Álamo Jiménez é vicepresidente de enxeñería Técnica y Proyectos SA (TYPSA). Entre esta consultora e as súas filiais levan gañado euros máis de 1,51 millóns mediante tres contratos coa Xunta dende que o ex-conselleiro é directivo do grupo.

Conde Roa, daquela alcalde, e Agustín Hernández, daquela conselleiro de Medio Ambiente, na reunión na que presentaron o proxecto de metro lixeiro para Santiago
Conde Roa, daquela alcalde, e Agustín Hernández, daquela conselleiro de Medio Ambiente, na reunión na que presentaron o proxecto de metro lixeiro para Santiago | Fonte: Conchi Paz

Carlos del Álamo foi conselleiro de Medio Ambiente entre 1997 e 2003. Dous dos tres contratos foron adxudicados por esta consellería. Un deles directamente e outro a través dun órgano dependente dela, Augas de Galicia.

A Consellería de Mediombiente adxudicoulle a Typsa a redacción do anteproxecto dun metro lixeiro metropolitano para Santiago de Compostela. 

Era 2011 cando o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, recibía ao daquela alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa. Anunciaron un metro lixeiro que conectaría a estación de tren co aeroporto de Lavacolla.  

Seis anos despois, Hernández substituíu a Conde Roa como líder do PP en Santiago; pero a promesa dun metro lixeiro dorme nun caixón canda o anteproxecto, polo que os galegos pagamos máis de 447.000 euros. O único resultado público daquela é este breve documento firmado por TYPSA, de 22 páxinas.

Recración do metro lixeiro en Santiago nun vídeo electoral da candidatura de Conde Roa
Recración do metro lixeiro en Santiago nun vídeo electoral da candidatura de Conde Roa

GC preguntou á Consellería o motivo do atraso, pero non obtivo resposta. Tampouco respondeu se hai sitio para o metro lixeiro na estación intermodal que se acaba de aprobar para a capital. O Concello de Santiago tampouco respondeu a estas cuesitóns.

O ano pasado TYPSA gañou o concurso do “servizo para a explotación e mantemento da Rede oficial de medición de caudal dos ríos e da Rede de control de calidade e verteduras (rede Cave) da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa” por 1.001.202 euros.

Del Álamo é conselleiro de TYPSA dende 2011, segundo comprobou GC no Rexistro Mercantil. Dende 2010 é presidente doutra consultora, TECNOMA, na que ten por socios a varios empresarios tamén directivos de TYPSA. 

A Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Consellería de Medioambiente, adxudicoulle a Tecnoma “a execución do control e vixilancia ambiental da obra: VAC da costa norte. Treito: Celeiro-San Cibrao” por 138.847,53 € en 2010.

Os tres contratos foron adxudicados mediante procedemento público e aberto. É dicir, as empresas de Del Álamo tiveron que presentar mellores ofertas que a competencia. En ningún dos casos se denunciaron irregularidades.

Con todo, a frecuencia dos contratos é relevante para o debate sobre as portas xiratorias, o proceso polo que ex-mandatarios públicos acaban na cúpula de empresas do sector que até hai nada gobernaban. Especialmente, tendo en conta que en dúas ocasións foi a propia Consellería de Medio Ambiente, que dirixiu Del Álamo, quen deu eses contratos. 

Cómpre lembrar que o ex-conselleiro é ademais conselleiro no grupo ENCE, cuxa industria de Pontevedra foi prorrogada polo goberno do PP no Estado no medio dunha forte polémica. En ENCE Del Álamo comparte consello de Administración coa ex-ministra Isabel Tocino.  En TYPSA faino con outro ilustre político, o ex-deputado de CiU Miguel Roca.

O metro lixeiro foi unha das promesas electorais clave na campaña electoral que levou a Conde Roa á alcaldía, como se pode ver neste vídeo:

Carlos del Álamo, ex-conselleiro de Medio Ambiente
Carlos del Álamo, ex-conselleiro de Medio Ambiente
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 malversando

Para ir ó aeroporto, a Lugo, a Madrid se non queres pagar por pasar por Lalín, ou simplemente ó Tambre ou á zona norte de Compostela o que hai é un soberano atasco. E tamén unha autovía que pasar porriba dunha autopista dende hai case 20 anos sen estar sequere conectadas. O de regalar medio millón foi malversar disfrazado de un informiño copia-pega doutro proxecto. Caro e que iría baleiro, polo que non se xustificou nunca facelo. Pero qué imos facer? Obrigar a un informe de viabilidade ou relación custe-beneficio no que obrigatoriamente se especifique o marxe de erro estatístico antes de encargar anteproxetos de palla mental faraónicos? E por qué? De onde sacariamos os cartos entón?

1 caixeiro

Medio millóns para o peto dun amiguiño e os pailáns seguindo a sufrir os atascos todas as mañás.