Temas: EUCALIPTO

Piden que a Xunta aprobe unha moratoria para a plantación do eucalipto como a que aprobou Portugal

Stop Eucalipto, Avante Carballo di que esta medida é necesaria para preservar o ecosistema galego e evitar lumes.

Por Galicia Confidencial | Carballo | 16/02/2017 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

Portugal acaba de implantar unha moratoria a plantación do eucalipto ao acadar as 811.000 hectáreas nunha superficie de 90.000 km2. Pola súa banda, Galicia xa ten 500.000 hectáreas plantadas nunha superficie de 30.000. Por iso, tras esa decisión do goberno luso non son poucas as entidades e partidos que lle piden á Xunta que tome nota.

Avance do eucalipto fronte ás carballeiras
Avance do eucalipto fronte ás carballeiras | Fonte: Adega

A última en facelo foi a plataforma Stop Eucalipto, Avante Carballo que insiste na necesidade desta medida para preservar o ecosistema galego. Así, destaca que, por un lado, está cientificamente contrastados os danos do cultivo de eucaliptos sobre a diversidade da fauna e da flora, sobre a toma excesiva de auga do subsolo, sobre a extracción de nutrientes e a perda de materia orgánica nos solos. Tamén sobre os efectos paisaxísticos e culturais dentro dun entorno fortemente humanizado e de identidade tradicional.

Ademais, denuncia a situación de abuso reiterado na maneira en que en moitos casos se acometen as plantacións de eucaliptos cunha única proxección económica na que, di, “se pon en risco a sustentabilidade do mercado forestal en si, coa proliferación excesiva dunha materia prima de uso limitado que a poucos anos vista ameaza con saturar o mercado e deixar Galicia inzada de árbores de moi escaso valor”.

Finalmente, apunta que a proliferación de eucaliptos vai aumentar o riscos de incendios, xa que segundo o Ministerio de Medio Ambiente do Estado Español o 3% do forestal estatal corresponde a eucaliptos “pero por culpa destes representa o 20% do incendios no estado Español”. Ademais, esta plataforma vincula o uso abusivo desta especie ao despoboamento do rural.

Temas: EUCALIPTO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lalo

O eucalipto fai un dano irreparable a paisaxe e polo tanto ao potencial turistico da comunidade.