Sindicatos lusos cren que "o problema" da deslocalización é a procura de baixos salarios e non outros incentivos

UXT Galicia reclama á Xunta que "se poña as pilas" ante outros territorios que "igual teñen feitos os deberes"

VIGO | 16/02/2017 | Actualizada ás 17:58 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Os sindicatos portugueses Uniâo Geral dos Trabalhadores (UXT) e Confederaçâo Geral dos Trabalhadores Portugueses (CGTP) advertiron este xoves de que "o problema" da deslocalización de empresas que abandonan Galicia para instalarse en territorio luso non son os incentivos fiscais ou o prezo do solo industrial, senón que buscan "salarios baixos" e condicións laborais máis precarias.

Así o advertiron os responsables destas dúas centrais, nunha rolda de prensa celebrada en Vigo con motivo dun encontro de sindicatos galegos e do norte de Portugal.

Armenio Carlos, secretario xeral da CGTP, a preguntas dos medios sobre as denuncias de posible competencia desleal de Portugal, nas súas políticas para facilitar a implantación de empresas no seu territorio, sinalou que "non hai país da UE que non ofreza beneficios fiscais para atraer investidores".

"A deslocalización é en busca de salarios baixos e precarios. Ese é o problema. Hoxe trasládanse empresas de Galicia a Portugal, pero mañá haberá outra deslocalización, de Galicia e Portugal cara a Europa do Leste", advertiu, e lamentou que esas denuncias de competencia desleal serven para "xustificar a incapacidade" das administracións para atraerse ás multinacionais.

PODER LOCAL

Pola súa banda, o responsable de UXT-Portugal, Carlos Silva, recoñeceu que as medidas das empresas, o Goberno luso e, sobre todo, dos dirixentes locais (autarcas) teñen "gran impacto" e xeraron un crecemento do investimento de empresas estranxeiras.

A ese respecto, asumiu que "se as empresas invisten en Portugal é porque teñen beneficios fiscais e o terreo máis barato, a prezo simbólico", e incidiu que, en todo caso, o papel dos sindicatos debe ser o de velar polo crecemento do emprego "con dereitos e salarios que non estean por baixo da media".

"Non valoro se iso é dubidosa legalidade, iso depende das autoridades, pero as empresas non poden investir nun país sen cumprir as regras dese país", sinalou.

Pola súa banda, o secretario xeral de UXT-Galicia, José Antonio Gómez, advertiu de que o problema da deslocalización suxire un "debate trampa", e que "a Xunta debería dicir algo". "Ten que analizar por que Portugal ten axudas e velar por un sistema de formación que está paralizado. A Xunta tense que pór as pilas e non botar a culpa a outros, que igual teñen feitos os deberes", concluíu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta