Celta, obrigado á xesta en Ucraína

O equipo celeste, sen acerto nos metros finais, cae 0-1 co Shakhtar Donetsk en Balaídos e está obrigado a remontar dentro de sete días en Kharkiv, onde non poderá contar con Radoja. Este domingo, Osasuna visita Vigo na Liga.

Por gcdeportes | Vigo | 16/02/2017 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Celta 0:
Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny; Radoja (Jozabed, 74’), Tucu Hernández, Daniel Wass; Théo Bongonda (Pione Sisto, 58’), Iago Aspas e Guidetti (Giusseppe Rossi, 84’).
Shakhtar Donetsk 1: Pyatov; Darío Srna, Ordets, Rakitskiy, Ismaily; Malyshev, Fred; Marlos (Azevedo, 92’), Dentinho (Kovalenko, 46’), Taison (Bernard, 84’) e Gustavo Blanco.
Goles: 0-1: Gustavo Blanco (minuto 26).
Árbitro: Gediminas Mazeika (Lituania). Amarelas a Radoja, Iago Aspas e Daniel Wass no Celta e a Ordets, Darío Srna, Malyshev, Taison e Rakitskiy no Shakhtar Donetsk.
Incidencias: partido de ida dos 1/16 de final da Europa League disputado no estadio municipal de Balaídos ante preto de 18.000 espectadores. Nemanja Radoja perderase o partido de volta, o vindeiro xoves (21.05 horas) en Kharkiv.

Guidetti, que non estivo acertado ante o Shakhtar, ante Pyatov.
Guidetti, que non estivo acertado ante o Shakhtar, ante Pyatov. | Fonte: lfp.es

A ansiedade puido co Celta. A precipitación e a falta de acerto nos metros finais. E un erro na primeira parte que pagou moi caro, obrigado a buscar o gol á desesperada. Gustavo Blanco, reforzo invernal dos ucraínos, aproveitou unha rápida contra para facer o 0-1 no minuto 26 e un Shakhtar Donetsk con moito oficio aguantou o resultado, que complica e moito a volta o vindeiro xoves no estadio Metalisk de Kharkiv. O Celta está obrigado a unha fazaña: o Shakhtar non encaixou ningún gol no seu estadio na fase de grupos da Europa League.

Aliñou o Toto Berizzo o seu once de gala en versión ofensiva, con Guidetti en punta e Bongonda e Iago Aspas nas bandas. O Celta marcou o ritmo e saiu decidido a polo gol, pero con precaucións antes as temidas contras do rival. Axiña chegou a mellor ocasión celeste, que puido mudar o guión do partido: unha parede entre Bongonda e Guidetti que rematou moi alto o xogador belga diante de Pyatov.

O Shakhtar mantiña o orden e buscaba un erro do Celta para aproveitar a velocidade á contra. E ese erro chegou no minuto 26, tralo lanzamento dunha falta: Jonny esvarou no centro do campo, onde Marlos recibiu e chegou ata a área, o seu remate petou en Bongonda pero Gustavo Blanco recolleu o rexeite e marcou o 0-1. O gol descentrou o Celta, e a piques estivo o Shakhtar de aproveitar outro erro celeste para facer o segundo, menos mal que Sergio Álvarez evitou o tanto de Fred. Ao Celta faltábanlle ideas arriba, e apenas xerou ocasións de perigo: un remate coa testa de Roncaglia o un disparo alto de Wass nunha falta antes do descanso.

O Celta volveu levar a iniciativa no segundo tempo, aínda co temor constante ás rápidas contras dos ucraínos, que avisaron na reanudación cun remate alto de Taison. Os celestes pediron penalti por un empurrón sobre Tucu Hernández na área, pero costáballes crear perigo, ata nos constantes centros a área a balón parado. Berizzo buscou un revulsivo coa entrada de Pione Sisto, pero o Shakhtar tirou de oficio para trabar o partido e cortar o ritmo celeste. A mellor do segundo tempo foi un remate de Cabral ás nubes tras unha deixada de Wass na área. Guidetti estivo precipitado e Aspas apenas apareceu. Entrou Jozabed por Radoja, pero pouco mellorou o Celta, que buscou o xogo directo á desesperada, sempre con vantaxe para a defensa ucraína. Rossi foi o último recurso, pero o marcador non se moveu. Despois da decepción da Copa e de caer no Calderón nos últimos minutos, o Celta encaixou un novo golpe que lle obriga a unha remontada heroica na volta en Ucraína.

Roncaglia pelexa polo balón con Gustavo Blanco, autor do gol ucraíno.
Roncaglia pelexa polo balón con Gustavo Blanco, autor do gol ucraíno. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta