Lucy, a primeira cadela guía na Universidade de Vigo

Lucía González, estudante de Traballo Social, conta desde este mes coa axuda desta cadela de raza labrador.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 17/02/2017 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

Nas aulas do campus da Universidade de Vigo en Ourense hai unha nova visitante moi especial. Chámase Lucy e é unha cadela de raza labrador. Trátase do primeiro can guía que se incorpora ás aulas da UVigo. Despois dun difícil proceso de selección para que lle fose concedido este apoio por parte da Fundación Once, Lucía González, alumna de cuarto curso do grao de Traballo Social con discapacidade visual, puido deixar de guiarse co bastón para facelo con esta cadela de raza labrador “moi xoguetona pero moi intelixente”. Antes da súa incorporación, os demais membros da comunidade universitaria recibiron indicacións sobre como tiñan e como non tiñan que actuar ante a súa presenza e dúas semanas despois da súa chegada, Lucy xa participa do día a día da vida universitaria.

Lucía González, coa súa cadela guía Lucy na Universidade de Vigo
Lucía González, coa súa cadela guía Lucy na Universidade de Vigo | Fonte: UVigo.

ADAPTACIÓN EN ESTADOS UNIDOS

A cadela, sinala Isabel Ferreiro, responsable do Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense que apoia ao alumnado con diversidade funcional na súa integración nas aulas, tenA a alumna en préstamo pola Fundación Once, coa colaboración de Lions Club.

“É moi difícil conseguir un destes cans guía porque son moi custoso economicamente dadas as características do adestramento. Concédense só a persoas ás que este can lle vai a facilitar a vida dun xeito significativo. Lucía é unha persoa nova, estudante universitaria, futura traballadora social, etc. Polo tanto considérase que lle vai sacar moito proveito a este apoio”, comenta a psicopedagoga.

Mostra desta dificultade de acceso aos cans guía, Ferreiro indica que, que teña constancia, “é o primeiro nas universidades galegas e o segundo na cidade de Ourense”. 

Segundo explica Lucía González, ela decidiu solicitar un can guía a esta fundación no ano 2015 e a partir de aí foi cumprindo todos os requisitos do procedemento, desde informes médicos ata unha exhaustiva descrición da súa vida e dos espazos polos que se desenvolve. Superados os trámites con éxito, en xaneiro deste ano a alumna desprazouse a Detroit, en Estados Unidos, para coñecer a Lucy e vivir alí un mes de adaptación e aprendizaxe con ela no centro no que se realiza o adestramento destes cans guía.

Lucy, de raza labrador, primeira cadela guía na Universidade de Vigo
Lucy, de raza labrador, primeira cadela guía na Universidade de Vigo | Fonte: UVigo.

“Foi un adestramento intensivo e esixente. Ensínante como coidalo, como alimentalo, como darlle caricias e todo o necesario”, relata a estudante universitaria.

Ao longo dese mes, Lucy e ela realizaron continuamente probas para comprobar a axeitada resposta conxunta ante todo tipo de situacións que lles poden acontecer na vida cotiá, desde orientarse nunha ruta ata reaccionar ante un coche nunha situación de perigo. 

VIDA EN OURENSE

Xa na casa, Lucía e Lucy, que ten un ano e medio de vida, están a vivir a adaptación á súa vida cotiá e a 24 horas xuntas. “Ao principio é difícil. Tes días e días. Tes que corrixila, hai veces que non che obedece, tes que sobreactuar moito cando lle falas para que entenda o que quero dicirlle, como se fose un bebé”, recoñece. Un can guía, aclara, “non é un coche fantástico ao que lle dis lévame a este sitio e te leva. Aínda que a xente pensa que é o can quen te guía a ti en realidade es ti quen o guía a el”.

A pesar das lóxicas dificultades iniciais destaca que a aprendizaxe e adaptación está sendo positiva xa que “pouco a pouco vas notando que vai medrando o vínculo entre nós, que é máis cariñosa, que vamos facendo equipo e que chegará un momento en que ela sinta o que eu quero facer e viceversa”, comenta a estudante de Traballo Social.

Ás veces, di con satisfacción, ela mesma pon a proba Lucy, para ver se recorda un percorrido, por exemplo, “e é incrible o intelixente que pode chegar a ser. Lembra percorridos feitos unha soa vez, sabe o que pode ou non pode facer, é moi intelixente”.

O tempo de adaptación entre Lucía e Lucy estímase que dure entre seis meses e un ano e o servizo da cadela guía pode prolongarse arredor dunha década, momento no cal a poderá adoptar a súa dona ou devolver á fundación.

Antes da súa chegada ao campus, o Gabinete Psicopedagóxico ourensán foi o encargado de informar á comunidade universitaria sobre a incorporación de Lucy e sobre como había que actuar con ela. Déronse charlas informativas ao alumnado e docentes da Facultade de Ciencias da Educación, onde estuda Lucía González, pero tamén da Facultade de Historia e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, xa que comparten edificio. Ademais, distribuíuse na comunidade universitaria un documento informativo ao respecto.

“Insistimos en que non se trata dunha mascota senón dun can de traballo. Polo tanto, canto máis se ignore mellor será para a súa dona e para ela, xa que se pode distraer ou cometer algún erro grave. Non se debe acariciar cando está traballando nin ofrecer alimentos, por exemplo”, resume Isabel Ferreiro.

A resposta da comunidade universitaria, recalcan tanto a psicopedagoga como a estudante, está sendo moi boa, incorporándose o can á aula sen ningún tipo de incidencia. “Xa é un máis na aula”, apunta por último Isabel Ferreiro nunha información de Rosa Tedín dende a UVigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta