Marea tende a man ao BNG para "construír unha maioría de progreso" no Concello de Pontevedra

Xoán Hermida explica que tras unha primeira parte de lexislatura para "mostrar os déficits" de Lores, toca ser "propositivos"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2017 | Actualizada ás 19:08 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Marea de Pontevedra aposta "abertamente" por encarar "o novo tempo político" construíndo "unha maioría estable de progreso" no consistorio da capital.

Así o dixeron este venres o portavoz municipal, Luís Rei, e o coordinador de Marea Pontevedra, Xoán Hermida, quen compareceron en rolda de prensa para informar da resolución aprobada por unanimidade na asemblea da formación.

En concreto, o aprobado é unha disposición "a abordar sen reservas" un pacto de goberno co BNG, que actualmente goberna en solitario no Concello de Pontevedra.

O apoio dos dous edís de Marea que permitiu aprobar os orzamentos municipais de 2017 "abre novas posibilidades" desde o punto de vista desta formación. Foi "un paso pequeno, pero significativo, do BNG para buscar entendementos", destacaron.

NON SER "UNHA FORZA BISAGRA"

Xoán Hermida explicou que Marea Pontevedra "non naceu para ser unha forza bisagra nin auxiliar", senón coa vontade de "defender os intereses da maioría social" e de "converterse a medio prazo en fórzaa gobernante". "Eramos conscientes de que iamos ter que ir graduando a nosa posición política", sinalou.

Así é que a primeira metade da lexislatura a Marea foi "contundente" á hora de "mostrar os déficits" que en materia social, ambiental e democrática existen no actual equipo de goberno. Para a parte final do mandato, a formación mostrará "un carácter máis propositivo", de "forza preparada para gobernar".

"Estamos xa no ecuador do mandato e cremos que chegou o momento", xustificou Xoán Hermida.

Pola súa banda, Luís Rei puxo en valor que, ao facilitar a aprobación do orzamento do concello para 2017, a Marea evitou a Pontevedra "o camiño cheo de minas polo que discorren outros concellos". "Sentimos o deber de explorar unha senda de acordos beneficiosos para todos; empezando polos veciños", sostivo.

Así é que apelou á "coherencia" do Bloque para que estude as "coincidencias" que lle poidan permitir articular algún tipo de acordo estable no que resta de mandato. Pola súa banda, avanzou que dependerá do grao de aceptación das liñas definidas nas súas emendas aos orzamentos.

"MIRAR Á SÚA ESQUERDA"

Trátase, por tanto, de avanzar na axenda social, nos plans de transporte, na economía social, no saneamento integral, no rescate de servizos e na participación e a transparencia.

Son principios xerais que se concretan en 50 asuntos e medidas. "Con elas estaremos a dicir ao Bloque que faría ben en mirar á súa esquerda, ou ao seu lado", detallou Rei.

"O beneficio para a cidade é evidente. Porque sería gobernada con garantías de estabilidade, e porque a axenda social entraría con máis intensidade na acción do goberno", argumentou.

"NON HAI LIÑAS VERMELLAS, NIN AZUIS"

Finalmente, preguntado sobre como afectaría este acordo á dinámica municipal, o portavoz local de En Marea deixou claro que o seu grupo non está "pechado a nada".

"Todo vai depender de que se nos acepte a man tendida, de que iso dea inicio a un diálogo produtivo, e de que ambas as partes esteamos cómodas co que se decida. Non hai liñas vermellas, nin azuis. Tendemos a man sen pruritos cromáticos", resolveu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta