Un experto subliña nunha xornada en Santiago que o que devolva o banco por cláusulas chan non está suxeito ao IRPF

A asociación profesional de contables informa na capital galega sobre o novo escenario fiscal

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2017 | Actualizada ás 19:39 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O inspector de Facenda e auditor de contas José Antonio Fernández Pérez, licenciado en Económicas e profesor vinculado á Universidade de Vigo, subliñou durante unha xornada en Santiago que o que devolva o banco por cláusulas chan "non é renda" e, por tanto, non está suxeito á tributación polo imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

Fernández Pérez, ademais, recomendou aos asistentes á xornada "non acelerarse" na reclamación e "esperar a despois de abril polo tema fiscal", aínda que tampouco aconsella "durmirse á paparrandona".

Na súa exposición, este experto expuxo as principais liñas do real decreto habilitado polo Goberno "para evitar unha chea de xuízos" polas cláusulas chan. Afecta só a persoas físicas e "ten todas as vantaxes fiscais do mundo", segundo chamou a atención.

Así, fixo fincapé en que a cantidade que devolva a entidade financeira non está suxeita ao IRPF. "Non vou tributar por iso", remarcou.

Cuestión distinta, segundo indicou, é se se practicou algunha dedución por vivenda ou se houbo algún gasto deducible. Aí, dixo, está "o problema", pois no primeiro dos casos será necesario sumar a cantidade que se deduciu nunha soa declaración e no segundo suposto será preciso facer complementarias dos anos non prescritos.

XORNADA

Santiago de Compostela acolleu este venres unha xornada formativa da Asociación profesional de expertos contables e tributarios de España para informar sobre o novo escenario fiscal que se presenta en 2017.

O inspector de Facenda foi o encargado de ofrecer un relatorio sobre as modificacións máis destacadas do novo ano en materia de IVE, IRPF, imposto sobre sociedades e o novo plan xeral contable.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta