Paso atrás do Lugo

O equipo de Luis César deixa escapar a ocasión de voltar a postos de play-off tras caer 1-2 co Elx. Os lucenses concederon dous goles nos primeiros 25 minutos e foron incapaces de empatar malia as ocasións do segundo tempo.

Por gcdeportes | Lugo | 17/02/2017 | Actualizada ás 23:38

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CD Lugo 1:
Xose Xoan; Jordi Calavera, Marcelo Djaló, Ignasi Miquel, Serge Leuko; Fernando Seoane, Carlos Pita (Yelko Pino, 75’); Fede Vico (Iriome, 78’), Campillo, Sergio Gil (Pablo Caballero, 51’) e Joselu.
Elx 2: Juan Carlos; Luis Pérez, Pelegrín, Andrés Túñez, Iriondo; Fabián (Álex Fernández, 75’), Dorca; Hervías, Pelayo, Borja Valle (José Ángel, 86’) e Nino (Guillermo, 69’).
Goles: 0-1: Borja Valle (minuto 19). 0-2: Nino (25’). 1-2: Jordi Calavera (45+).
Árbitro: Sagués Oscoz (vasco). Amarelas a Fede Vico (74’), Yelko Pino (79’) e Seoane (91’) no Lugo e a Túñez (55’) e Borja Valle (86’) no Elxe.
Incidencias: partido da 26ª xornada de 2ªDivisión no Anxo Carro ante 4.382 espectadores.

Pablo Caballero entrou no segundo tempo pero non puido acadar o empate.
Pablo Caballero entrou no segundo tempo pero non puido acadar o empate. | Fonte: lfp.es

Ocasión estragada polo Lugo, que desperdiciou ante o Elx a oportunidade de regresar a postos de play-off de ascenso. Houbo ocasións dabondo no segundo tempo, Joselu tivo o empate no tempo engadido, pero parou Juan Carlos e o Lugo caeu de novo no Anxo Carro: cinco das oito derrotas lucenses chegaron na casa. Os de Luis César quedan con 36 puntos e a próxima semana visitan o Valladolid.

Volveu Carlos Pita ao once local e quedou Iriome no banco, pero o Lugo regalou os primeiros 25 minutos, nos que encaixou os dous goles que á fin supuxeron a derrota. O Elx, necesitado de puntos, arrincou con máis posesión e, todo o contrario que o Lugo, profundidade nas bandas con Borja Valle e Hervías. O de Ponferrada, cedido polo Dépor no mercado invernal, abriu o marcador no minuto 19 cun disparo axustado ao pau dereito de Xose Xoan. O Lugo non espertou e os visitantes ampliaron a vantaxe pouco despois, tras aproveitar Nino un rexeite de Xose Xoan a disparo de Borja Valle. Co 0-2 reaccionou o Lugo, que buscou o gol que o metese no partido antes do descanso. Chegou na última acción, un golazo de Jordi Calavera tras enganchar unha volea tras un saque de córner.

Malia a primeira parte, Luis César saiu co mesmo once, ata que unhas molestias de Sergio Gil obrigaron á entrada de Pablo Caballero. Xa co arxentino, chegaron os mellores minutos locais. Os de Luis César dominaban e chegaron as ocasións. Joselu e Fede Vico fixeron intervir a Juan Carlos. Tamén Pablo Caballero tivo o empate cun potente disparo que atrapou o meta visitante. Entraron Yelko Pino e Iriome, e os locais fixeron un último esforzo por empatar: Campillo e Joselu tiveron novas ocasións. No tempo engadido, o Elx puido sentenciar cun disparo de falta que sacou con apuros Xose Xoan, pero Joselu tivo a última, que evitou Juan Carlos cun paradón. O Lugo mereceu máis no segundo tempo, pero o empate non chegou.

O gol de Jordi Calavera meteu o Lugo no partido.
O gol de Jordi Calavera meteu o Lugo no partido. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta