O Breo cara a arriba

O Cafés Candelas vence 104-107 a Oviedo tras dúas prórrogas e volve aspirar á primeira praza, a unha vitoria se gaña o partido aprazado. Josep Franch, con 29 puntos, e Matt Stainbrook, con 19 e 14 rebotes, lideraron os lucenses.

Por gcdeportes | Lugo | 18/02/2017 | Actualizada ás 23:40

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Oviedo 104:
Fabio Santana (0), Víctor Pérez (25). Lofberg (13), Jesperson (11), Dos Anjos (10) –cinco inicial- Hernández-Sonseca (9), Dani Pérez (23), Manu Rodríguez (7), Agustí Sans (0), Mouhamed Barro (3) e Carlos Martínez (0).
CB Breogán 107: Josep Franch (29), Rafa Huertas (10), Salva Arco (14), Gilling (7), Matt Stainbrook (19) –cinco inicial- Lobito Fernández (6), Fakuade (18), Iván Cruz (2), Sergi Quintela (2) e Geramipoor (0).
Parciais: 20-29, 20-18 (40-47), 22-19, 19-15 (81-81), 13-13 (94-94), 10-13 (104-107).
Árbitros: José María Terreros e Arnau Padrós Feliu. Eliminaron por cinco faltas persoais a Barro, Lofberg e Sonseca no Oviedo e a Fakuade no Breogán.
Incidencias: partido da xornada 24ª da LEB Ouro no pavillón de Pumarín coa presenza de 150 seareiros lucenses. Aaron Geramipoor xogou o seu último partido co Breo.

Breogán foi gañando os primeiros 36 minutos, pero tras un último cuarto malo, Josep Franch tivo que forzar a prórroga a falla de dous segundos (81-81). Tiveron os lucenses o partido gañado na primeira prórroga (87-93), pero Dos Anjos empatou para Oviedo (94-94). Púxose costa arriba o choque no segundo tempo extra (100-96), pero os lucenses botáronlle coraxe e acabaron vencendo tras dúas prórrogas 104-107 en Pumarín fronte a un Oviedo que se xogaba o liderado. Espectacular vitoria do Breogán, que mira cara a arriba e volve de cheo á loita pola primeira praza que dá o ascenso directo á ACB.

Case perfecto foi o primeiro cuarto do Breogán, con Josep Franch liderando o ataque. Seis puntos do base catalán e 5-13 para os de Natxo Lezcano. As triplas de Víctor Pérez achegaron a Oviedo (11-13), pero Salva Arco e unha tripla de Franch abriron de novo unha fenda para os lucenses. Ao final do primeiro cuarto, 20-29.

Os asturianos apertaron en defensa, só anotaba Fakuade (10 puntos no segundo cuarto) para o Breo, e achegáronse tras unha tripla de Manu Rodríguez (30-33). O reaparecido Dani Pérez xa lideraba os asturianos, pero Josep Franch, cunha tripla, e Matt Stainbrook permitiron manter a vantaxe lucense ao descanso: 40-47.

Oviedo volveu apertar o marcador pero respostaron Rafa Huertas e Gilling dende 6,75 para poñer o 46-55. Pumarín presionaba, Jesperson e Víctor Pérez anotaron de tres e Natxo Lezcano parou o encontro con 56-60. Antideportiva a Fakuade e Oviedo estaba a dous (60-62). O Breogán aguantou como puido e chegou 62-66 ao último cuarto.

Con certa permisividade arbitral, Oviedo apertou en defensa e Breogán tardou máis de sete minutos en anotar en xogo. Foi aguantando de mala maneira cos tiros libres, pero Oviedo púxose por primeira vez por diante (71-70) a falla de 3:58 para o remate. Matt Stainbrook e Josep Franch, coa última canastra, levaron o Breo á prórroga: 81-81.

Oviedo tomou a dianteira, pero dúas triplas de Fakuade e Franch, unha canastra de Salva Arco, e Breogán gañaba 87-93. Dos Anjos, con dous tiros libres, un palmeo tras tiro libre nun erro defensivo e unha última canastra, empatou o partido 94-94. Na segunda prórroga, foi Oviedo quen se adiantou, con dúas canastras de Manu Rodríguez e outra de Dos Anjos (100-96). Pero Rafa Huertas, un 2+1 de Franch, Salva Arco e Gilling acadaron un parcial de 0-9 para o Breo que se puxo 100-105. Semellaba sentenciado, pero tres tiros libres de Lofberg levaron a emoción ata a bucina final, tras dous tiros libres de Rafa Huertas e Salva Arco. 104-107 para ledicia dos 150 seareiros celestes desprazados a Pumarín.

Josep Franch, o mellor do Breo en Pumarín: 29 puntos e 4 asistencias.
Josep Franch, o mellor do Breo en Pumarín: 29 puntos e 4 asistencias. | Fonte: @oviedoCB

A marea celeste desprazada a Pumarín celebra a vitoria do Breo.
A marea celeste desprazada a Pumarín celebra a vitoria do Breo. | Fonte: @oviedocb
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta