O Celta colle aire

O equipo celeste vence 3-0 a Osasuna con goles de Pione Sisto, Jozabed e IagosAspas e racha con xeira de catro partidos sen gañar. Os do Toto Berizzo, novenos con 33 puntos antes de viaxar a Ucraína para a volta da Europa League co Shakhtar.

Por gcdeportes | Vigo | 19/02/2017 | Actualizada ás 21:24

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
RC Celta 3:
Rubén Blanco; Jonny, Sergi Gómez, Fontàs, Carles Planas; Chelo Díaz, Radoja, Daniel Wass; Pione Sisto (Jozabed, 60’), Théo Bongonda (Andrew Hjulsager, 85’) e Giusseppe Rossi (Iago Aspas, 72’).
Osasuna 0: Sirigu; Oier, Carlos Clerc, David García, Vujadinovic; Álex Berenguer, De las Cuevas (Fran Mérida, 68’), Causic, Roberto Torres; Sergio León (Rivière, 78’) e Riera (Kenan Kodro, 84’).
Goles: 1-0: Pione Sisto (minuto 22). 2-0: Jozabed (87’). 3-0: Iago Aspas (89’).
Árbitro: Vicandi Garrido (vasco). Amarela a Jonny (minuto 79) no Celta.
Incidencias: partido da 23ª xornada de Primeira División no estadio municipal de Balaídos ante preto de 16.000 espectadores.

Pione Sisto celebra coa afección o 1-0 ao Osasuna.
Pione Sisto celebra coa afección o 1-0 ao Osasuna. | Fonte: lfp.es

Sen moito brillo, pero tres goles, portaría a cero e tres puntos importantes ante o pechacancelas para superar os tres últimos paus (Copa, Atleti e ida con Shaktar), para rachar coa xeira de catro encontros sen gañar. O Celta venceu con goles de Pione Sisto, Jozabed e Iago Aspas, pero os dous últimos chegaron nos últimos cinco minutos, e no arrinque da segunda metade Rubén Blanco evitou o empate de Osasuna. O equipo celeste é noveno con 33 puntos e un partido aprazado, e segue na loita polos postos europeos.

Só Jonny, Daniel Wass e Bongonda repetiron do once do xoves co Shakhtar. Moitas imprecisións no arrinque, e ao Celta que lle costaba achegarse á portaría rival. Nada pasou nos primeiros vinte minutos nas áreas, pero no 22, unha xogada perfecta entres os tres atacantes celestes supuxo o 1-0: Theo Bongonda para Rossi, que asiste co calcañar a Pione Sisto e disparo preciso preto da trabe da portaría navarra do dinamarqués.

O Celta limitouse a controlar o encontro coa vantaxe no marcador, e tan só un disparo de Bongonda dende lonxe levou perigo á meta de Sirigu ata o descanso. Osasuna estirouse e Roberto Torres tivo a última da primeira parte cun disparo na área que se lle foi alto.

Os celestes saíron medio durmidos tralo paso por vestiarios, e Osasuna achegouse á portaría de Rubén Blanco, titular por primeira vez trala súa lesión, que evitou o empate visitante cun paradón a disparo de Sergio León. O de Mos tamén detivo baixo paus o lanzamento de De las Cuevas, e Oriol Riera rematou desviado coa testa un saque dende o curruncho.

Ledicia de Iago Aspas tralo gol e a vitoria ante Osasuna.
Ledicia de Iago Aspas tralo gol e a vitoria ante Osasuna. | Fonte: lfp.es

O Toto Berizzo apostou por Jozabed para reconducir a situación, e despois por Iago Aspas. Os celestes melloraron cos trocos, e Osasuna demostrou o porqué de estar de pechacancelas, con só 10 puntos en 23 xornadas. Os goles da tranquilidade chegaron nois últimos cinco minutos, Jozabed coa testa no 86 e Iago Aspas no 89. Tres puntos e confianza antes de viaxar a Ucraína para tentar remontar o 0-1 de Balaídos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta