Dous ouros e tres pratas, colleita galega

A canguesa Solange Pereira acada o terceiro título consecutivo en 1.500 metros e Ana Peleteiro foi ouro en triplo salto. A monfortina Saleta Fernández, a mugardesa Belén Toimil e o marinense Jean Marie Okutu, pratas no Campionato de España de pista cuberta en Salamanca.

Por gcdeportes | Compostela | 20/02/2017 | Actualizada ás 09:03

Comparte esta noticia

Tres novas medallas sumou Galicia na última xornada do Campionato de España de Pista Cuberta que se disputou esta fin de semana en Salamanca. Ás de Ana Peleteiro (ouro en triplo salto) e Jean Marie Okutu (prata en lonxitude) acadadas o sábado, sumáronse o ouro da canguesa Solange Pereira no 1.500 metros lisos e as medallas de prata da monfortina Saleta Fernández en altura e da mugardesa Belén Toimil en peso.

Solange Pereira, co nome do seu afillado na man, a quen lle adicou a medalla.
Solange Pereira, co nome do seu afillado na man, a quen lle adicou a medalla. | Fonte: @Soli_Pereira

No concurso de salto de altura, Saleta Fernández, do FC Barcelona, superaría a barreira dos oitenta chegando ata 1.83 metros, marca que lle permitiu acadar o subcampionato por detrás da campioa olímpica Ruth Beitia (1.93). A monfortina obtivo a súa MMT (mellor marca da tempada) e igualaba o récord galego indoor que ela mesma posúe dende o ano pasado.

Outra nova excelente chegou por parte de Belén Toimil, do Playas de Castellón, quen no concurso de peso, cun mellor lanzamento no seu primeiro intento de 16.27 metros, estableceu un novo récord galego absoluto, cedendo tan só ante os 16.83 de Ursula Ruíz. Coa medalla de prata e con este rexistro, a mugardesa continúa a súa fantástica progresión neste curso, no que xa leva rexistrados catro melloras do récord galego.

Na final dos 1.500 metros, con doble presencia galega, cumplíronse os prognósticos e impúxose de xeito claro a favorita, a canguesa Solange Pereira, acadando un novo título nacional, o terceiro consecutivo, cunha marca de 4:32.49. A atleta adestrada por Carlos Landín cambiou a falla de 300 metros o ritmo, que ningunha das súas rivais puido seguir, e entrou destacada na meta. Na quinta posición entrou Leticia Fernández, do ADAS-Proinor, con 4:37.56.

Na xornada do sábado, a ribeirense Ana Peleteiro obtivo a súa terceira coroa sénior en pista cuberta cun rexistro de 13,67, malia que tivo que renunciar por lesión aos tres últimos saltos. Peleteiro xa tiña a marca mínima (13,76) para participar nos vindeiros Europeos de Belgrado. A discípula do cubano Iván Pedroso recibiu masaxe na zona lumbar despois do terceiro salto, pero xa non puido volver competir. “Hoy era uno de esos dias en los que no me conformaba con el oro. Estaba bien fisicamente y sobre todo mentalmente... Un fallo de la organización al no rastrillar el foso, provoco que me quedase con ganas de muchísimo más y con un dolor en el coxis que espero que dure poco días...”, escribiu a ribeirense nas redes sociais. Mentres, o marinense Jean Marie Okutu foi subcampión no concurso de lonxitude cun mellor salto de 7.76. Eusebio Cáceres quitoulle o o ouro no último salto cunha marca de 7.98 metros.

Tamén o sábado, a valdeorresa Leticia Gil, na final de lonxitude, acadaría no seu terceiro intento un salto de 6.22 metros, novo récord galego absoluto indoor e que lle permitiu entrar a formar parte da elite estatal ao acadar a quinta posición. Leticia Gil é a primeira muller na historia do atletismo galego en chegar á barreira dos seis metros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Don Pimpón

Brava, bravo, brava, brava, brava!!!!