“A choqueira existiu en moitas vilas e aínda sae a troulear nalgunhas”

A escola de ensino en galego Semente presenta un libro caderno con deseños, información e actividades das mascaradas máis coñecidas do país. Entrevistamos a Oscar Sotelo, un dos promotores desta obra que busca recuperar parte da cultura do entroido galego pero dándolle un enfoque diferente, por exemplo, na perspectiva de xénero.

Por X.M. Fernández | Compostela | 21/02/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A presentación primeira deste traballo tivo lugar o pasado sábado no local social da Gentalha do Pichel aproveitando estarmos xa en pleno entroido e intervindo na mesma Óscar Sotelo “Frebas”, autor da idea orixinal. A obra está editada por Semente Compostela e nela participou un equipo de traballo ligado a ela aínda que a coordinación editorial, ilustracións, contidos e documentación correron a cargo de Óscar a quen entrevistamos.

Libro-Caderno
Libro-Caderno

Quen é Óscar Sotelo "Frebas"?

Son o papá dunha nena da Semente Compostela (e doutra aínda pequena) que xunto coa miña parella Tamara nos propuxemos colaborar na busca de financiamento para este proxecto que consideramos tan importante para a supervivencia da nosa lingua.

Que é "entruidos e mascaradas na Galiza"?

É un libro con estética de caderno para todas as idades onde se amosan en 58 deseños case 70 mascaradas da Galiza, acompañados dunha breve explicación da súa dinámica e do lugar do que proceden. Cada deseño vai tamén acompañado dunha actividade que aporta coñecementos sobre todo o ciclo festivo. Hai actividades de lecto-escrita, xogos, receitas, adiviñas, refráns, actividades manuais... todo un mundo de propostas ideais tanto para centros educativos como para as familias que desexen ter unha visión mais rica desta parte tan importante do noso patrimonio inmaterial.

Presentación
Presentación

Como xurdiu a idea de crear esta obra?

Na casa sempre gostamos moito de saír a vivir os Entroidos menos “turistificados” e considerabamos que o descoñecemento da inmensa maioría das máscaras era moi xeneralizado. Do mesmo xeito, non existe material sobre este tema enfocado a crianzas e a boa acollida do anterior material da Semente “Árvores na Galiza”, animounos a traballar neste libro.

Como foi o proceso de documentación e de creación? Contastes co asesoramento dalgún antropólogo e/ou especialista neste eido?

A documentación baseouse no traballo de campo levado a termo pola familia todos estes anos ao que hai que engadir a consulta de libros especializados e o contacto con xentes dos lugares descritos. No libro colaboraron nais e pais da Escola e mesmo xente non relacionada coa Semente. A comisión de lingua e de xénero da Semente tiveron moita importancia no proceso de creación. Contamos coa axuda de xente especializada neste eido para a revisión dos contidos.

Porque algunhas figuras do entroido que saen no libro se "feminizaron"?

Un dos piares das Escolas de Ensino Galego Semente é a igualdade de xénero e favorecer o empoderamento das nenas.

As máscaras máis dinámicas do noso Entroido e doutras festas sempre estiveron reservadas aos homes na súa maior parte e as mulleres vestían traxes cunha estética máis elegante e cunha dinámica menos atrevida, máis enfocada ao lucimento estético. Hoxe xa non é así, atopamos peliqueiras, boteiras, choqueiras... e consideramos importante amosar de xeito claro este cambio, que non debería xerar ningunha sorpresa. A capa do libro, onde se pode ver unha peliqueira amamantando, é unha imaxe que representa claramente este aspecto ao tempo que expón outro piar importante da Semente; a crianza respectuosa e con apego.

Cal será o destino dos beneficios polas vendas?

O destino é na súa totalidade o financiamento das Escolas de Ensino Galego Semente, escolas que defenden a coeducación, a laicidade, o asemblearismo, a interacción pola natureza, o respecto pola autorregulación das nenas, a integración no contexto do barrio e que favorecen a adquisición, coidado e consolidación da nosa lingua.

Na presentación puidemos ver unha "Choqueira" a correr o entroido cos pais, nais e nen@s polo casco vello de Santiago. A Choqueira é unha recreación dalgunha máscara existente na tradición galega ou creouse "ex profeso" para darlle promoción e visibilidade ao acto?

A choqueira existiu en moitas vilas galegas e mesmo aínda saen a troulear nalgunha delas. Caracterizábanse por ir vestidas con roupas vellas, levar a cara tapada para non seren recoñecidas, levar chocallos cos que avisaban da súa presenza e polo seu carácter provocador e de contraposición ante o politicamente correcto. En Compostela existiron, e agardamos poder recoller información para poder recuperar esta máscara do xeito máis preciso posíbel, tanto na súa dinámica como na súa estática.

Onde se pode mercar o libro actualmente e que presentacións tedes por diante estes meses?

Todos os puntos de venda pódense consultar na páxina que temos no Facebook (Entruido e mascaradas na Galiza). Estamos espallando o libro por todo o país coa colaboración de asociacións, librarías, empresas e particulares e mesmo se pode mercar on-line en www.galiciangifts.com

Tamén imos percorrer entroidos do día 25 ao 28 ofrecendo o libro, podedes seguilo na páxina do Facebook. Polo demais, temos previstas presentacións en todo o país e mesmo en Catalunya e Portugal.

Óscar Sotelo 'Frebas'
Óscar Sotelo 'Frebas'
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 URDANGARA O CALDEIRO

1 Xesc

Moi interesante. Novos enfoques que falta fan.