Seis de cada dez adolescentes galegos consomen alcol

Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela alerta sobre o consumo intensivo de bebidas alcólicas entre os máis novos. Os que viven en contornas urbanas inxiren máis alcol que os do rural. Pelexas, accidentes ou lesións e relacións sexuais sen protección son os comportamentos de risco máis comúns asociados á inxesta intensiva destas bebidas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/02/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Seis de cada dez adolescentes galegos entre 12-18 anos de idade consumiron alcol no último ano; en concreto, un 58,7%. Ademais, o 24,5% inxeriu seis ou máis bebidas alcólicas durante un só episodio de consumo no último ano, cifra que cae ao 12,8% se se refire ao último mes. Con todo, ao avaliar o consumo intensivo de alcol como a inxesta de tres ou máis bebidas alcólicas durante un episodio de consumo único, a porcentaxe de bebedores no último ano e no último mes duplícase: 41,8% e 25%, respectivamente. Do mesmo xeito, o 34,4% dos adolescentes galegos afirma terse emborrachado no último ano e o 16,5%, nos últimos 30 días. Son datos dun estudo que vén de ser publicado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) na revista científica Adicciones.

Consumo de alcol entre adolescentes
Consumo de alcol entre adolescentes | Fonte: Pixabay.

Malia que a Enquisa sobre uso de drogas en Ensinos Secundarios (ESTUDES) vén demostrando que os niveis de consumo tanto de alcol como doutras substancias adictivas diminuíron en España nos últimos anos, os datos referidos ao consumo de alcol "seguen sendo preocupantes", advirten os autores do estudo, que fixeron unha enquisa a 3.419 adolescentes galegos de entre 12 e 18 anos, todos eles estudantes de ESO, Bacharelato e FP de grao medio de 37 centros públicos e privados das catro provincias.

"Os resultados obtidos revelan que o consumo intensivo de alcol é unha práctica frecuente e globalizada, con escasas diferenzas a nivel sociodemográfico, pero asociada a un amplo abanico de condutas de risco", conclúen os investigadores da USC.

Segundo os resultados da investigación, os adolescentes que mostran un consumo intensivo de alcol están significativamente máis implicados en tipos de condutas de risco, especialmente no caso de pelexas, accidentes ou lesións e relacións sexuais sen protección

O estudo tamén demostra que os adolescentes que consomen alcol subestiman os seus efectos negativos, especialmente "ter problemas coa Policía", "ser incapaz de deixar de beber" ou "prexudicial para a saúde").

Por outra banda, variables como as expectativas de consumo, o consumo entre os pares e na contorna familiar, así como a hora de chegada a casa ou o diñeiro dispoñible foron identificados como "interesantes factores de prognóstico que deben ser tidos en conta no plano preventivo", engaden.

DIFERENZAS SOCIODEMOGRÁFICAS

Os resultados mostran a existencia de diferenzas significativas na porcentaxe de nenos e nenas que consomen alcol , con maiores porcentaxes nos varóns, especialmente no caso de consumo de seis ou máis bebidas alcólicas: 29,2% de varóns e 19,2% de mulleres. No caso do consumo de tres ou máis bebidas nun só episodio, as distancias redúcense: 42,8 de varóns e 40,6 de mulleres.

Do mesmo xeito, os resultados mostran que o consumo intensivo de alcol aumenta significativamente coa idade, con porcentaxes de ata 20 e 30 veces maiores no rango de idade de 16-18 anos, en comparación co rango de 12-13 anos.

Os resultados obtidos revelaron tamén a existencia de diferenzas significativas entre os tres grupos de idade e notablemente maiores entre os grupos nos extremos (12-13 vs. 16-18)

Así mesmo, os datos tamén revelaron diferenzas estatisticamente significativas dependendo da titularidade da escola, con taxas máis altas nas escolas públicas. En concreto, un 45,4% dos estudantes de centros públicos e un 33,7% dos privados consumiron tres ou máis bebidas alcólicas nun episodio de consumo; un 27,3% e un 18,4%, respectivamente, inxeriron seis ou máis, e un 37,4% dos alumnos de centros públicos e un 28% dos privados din terse emborrachado no último ano.

Con respecto á contorna residencial, os adolescentes que residen en ambientes urbanos mostran maiores taxas de consumo intensivo de alcol que os do rural, con tres ou máis bebidas nun episodio de consumo un 44,5%, fronte a un 38% do rural; 26.5% con seis ou máis bebidas vs 21,9%, e 37,2% fronte a un 30,7%, respectivamente, que din terse emborrachado.

Por último, comprobouse que as taxas de prevalencia aumentan significativamente a medida que diminúe o nivel de educación dos pais, e as maiores diferenzas aparecen no consumo de 3 ou máis bebidas alcohólicas durante o último ano.

FAMILIA E AMIGOS

En canto ao toque de queda, as análises realizadas revelan que canto máis tarde regresa a casa un adolescente, maior é a taxa de consumo intensivo de alcol. Do mesmo xeito, as porcentaxes de consumo intensivo aumentan a medida que aumenta o diñeiro da asignación dos pais.

Con respecto ao consumo por parte dos membros da familia, os resultados mmostran que cando os pais beben alcol regularmente, os adolescentes tamén obteñen taxas máis altas de consumo intensivo. Con todo, as maiores diferenzas obsérvanse cando os irmáns beben alcol.

Por último, unha porcentaxe significativamente maior de adolescentes consomen alcol cando os seus compañeiros tamén o beben, se emborrachan, fuman tabaco ou usan outras drogas,

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 LKI

Aí hai boa canteira para Isca-eMeGaeSe.

1 Thor

E se miraran para os de Galiza Nova serían o 100&, ainda que gusten mais de outras cousas.

1 nostrus

Claro, por eso para ser nacionalista é necesario ter alucinacions, mania persecutoria, inventarse inimigos, estar fora de orbita no espacio e no tempo. O alcol aumenta o vitismo, crea diarrea mental