Temas: TRADUCIóN

Cales son os criterios idóneos para a contratación dun profesional da tradución?

Os tradutores critican ás administracións por priorizar criterios económicos e non os da formación ou experiencia nas contratacións. Tamén denuncian o tratamento mediatico que se lle dá a certos casos xudiciais que prexudica a súa imaxe.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 21/02/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (agpti) critica á Xunta e á administración do Estado por realizar procedementos de contratación baseados unicamente en criterios económicos, sen estableceren mecanismos de control sobre a formación ou experiencia do persoal. 

Os letrados do xuízo do Prestige, no que participaron varios tradutores
Os letrados do xuízo do Prestige, no que participaron varios tradutores

Este colectivo denuncia que esta situación leva, na práctica, as empresas que gañan os concursos para a prestación de servizos de tradución e interpretación na xustiza (policiais e xudiciais, principalmente) só contraten "a quen acepte prezos moi por debaixo dos do mercado, co que isto implica en canto a cualificacións e experiencia e para a calidade do traballo". 

A través dun comunicado critica que outra das condicións que se lles impoñen ás concesionarias é a urxencia, pois están obrigadas a prestar o servizo nun prazo determinado, mais non a presentaren as cualificacións do persoal que o desempeña (cualificacións que, en ocasións, son inexistentes, pois non se esixen estudos universitarios nin titulación ou acreditación profesional ningunha).

Polo tanto, di que as persoas receptoras deses servizos son as principais prexudicadas pola escasa cualificación que poida ter quen leva a cabo a interpretación e, deste xeito, quedan desamparadas "ante a falta de interese da administración". "Non só dificulta o traballo do persoal xudicial (que non sempre dispón da información e os coñecementos necesarios para esixir intérpretes e tradutores profesionais e cualificados), senón que ademais pon en perigo os dereitos dos acusados e pode levalos a unha situación de indefensión", denuncia.

Situacións en xuízos

Unhas críticas que veñen motivadas tras recusar un xulgado á intérprete dun xuízo polos seus problemas lingüísticos. "Se nun xuízo xorde un problema de interpretación que impida o correcto desenvolvemento das actuacións, unha das últimas solucións debería ser procurar alguén entre o público sen coñecer a súa capacidade real para levar a cabo ese servizo", denuncia.

Por iso, suliña esta asociación que, aínda que xornalisticamente poida ser unha noticia "atractiva por curiosa e rechamante", como profesionais non poden evitar pensar nas circunstancias que rodean este tipo de contratacións e as consecuencias que poden ter para os afectados. "Resulta moi perigoso para o traballo dos profesionais e para a súa imaxe que os medios traten esta cuestión con certa lixeireza e mesmo se lle dea certa publicidade á persoa que finalmente se encargou da interpretación no caso do xuízo de Vigo, mencionando conceptos como o bilingüismo, o coñecemento da linguaxe xurídica e a asistencia prestada ás partes polo intérprete sen que se aprecie conciencia ningunha da seriedade, a dificultade e as implicacións dos temas tratados, nin coñecemento real do que comportan esas nocións na práctica", engade.

Finalmente, Agpti quere chamar a atención sobre a "desacougante improvisación (ignoramos mesmo se ese intérprete vai percibir unha remuneración), falta de seguridade xurídica e un alto grao de irracionalidade nun sistema posto nas mans de empresas privadas que non achegan nada á calidade do servizo e si reciben diñeiro público do que os intérpretes contratados reciben unha mínima parte".

Temas: TRADUCIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta