Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/02/2017 | Actualizada ás 10:30
A escritora Helena Villar e o docente Xesús Rábade alertan sobre a "situación límite" na que se atopa o galego. Durante a conferencia ‘Lingua Materna e Globalización’ que tivo lugar nos “Luns do Ateneo” de Santiago de Compostela, apostaron por loitar polo galego e defender un idioma “de máis de 1000 anos de antigüidade”.
Así, durante a súa intervención chamaron a atención sobre o feito de que o galego perdeu ata un 30% de presenza de xeración en xeración nos últimos anos. Ademais, remarcaron as dificultades que pasa o noso idioma para subsistir, cunha situación de retroceso e de diglosia que non está sendo atacada por parte das institucións.
“Toda as linguas teñen unha política detrás: a favor, en contra, por acción ou por omisión”, suliñou Helena Villar. Ademais, estas políticas lingüísticas, que poden ser estatais, autonómicas ou locais son fundamentais para o presente e futuro do idioma, segundo apuntou. Ao tempo, os dous conferenciantes afirmaron que o uso do inglés como lingua vehicular na escola está sendo outra das pedras no camiño do galego, algo que Xesús Rábade cualificou como “un despropósito”.
Por outra parte, Villar afirmou que as sociedades non son bilingües ou plurilingües, xa que “son as persoas, que teñen as súas propias xerarquías, as que o son”. Para que estas linguas minoritarias teñan unha presenza adecuada na educación e poder gañar novos falantes, suliñaron a necesidade de ter un material escolar atractivo, moderno ou elementos de consulta e bibliográficos axeitados.
Catalán, éuscaro e galego
Rábade comparou a situación do catalán e o éuscaro coa do galego. “Mentres que o catalán ten o seu futuro encamiñado e o éuscaro foi capaz, polo menos, de deter o proceso de substitución lingüística, o galego continúa coa substitución lingüística”, dixo.
Os conferenciantes destacaron como outro factor que provoca a perda de galegofalantes a presenza de prexuízos históricos. Este factor condiciona negativamente e dificulta o crecemento e aprendizaxe da lingua. Tamén a substitución lingüística nun “lugar central”, segundo Rábade, como o núcleo familiar é outro problema grave para o futuro da lingua de Galicia. Villar e Rábade exemplificaron este punto cos avós e pais que deixan de falar aos seus fillos ou netos en galego para comezar a comunicarse con eles en castelán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.