Murguía angustiado

O espírito de Manuel Murguía pisa con algo de rabia as areas e pelouros que encontra nun sendeiro que leva de Noia ao cruceiro de Berrimes. Gústanlle os homes e as mulleres que traballan no campo ou que andan a modo, cruzándose con el n0 percorrido. Non o poden ver. Non saben que xunto a eles camiña unha figura senlleira da Historia de Galicia.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 24/02/2017

Comparte esta noticia
“Manda carallo. Manda carallo.” Manuel Antonio Martínez Murguía é un home elegante en gustos e maneiras, pero por unha vez non pode evitar esta expresión coloquial ou vulgar que reflicte o seu estado de ánimo en febreiro do ano 2017. 
 
“Ramón (refírese ao seu amigo na outra esfera Ramón Otero Pedrayo) tivo en 1927 a ocorrencia de facer unha viaxe andando dende Ourense ata Santo Andrés de Teixido. Chamou aos seus dilectos colegas Vicente Risco e Ben-Cho-Sey e empezou esa empresa que os tres escritores culminaron con éxito. Pois ben, esa viaxe é o xerme dun libro que a narra titulado “Pelerinaxes 1”, e a obra foi publicada pola editorial Nós en 1929 e pola casa Edicións do Castro de Isaac (refírese a Isaac Díaz Pardo) en 1993.”
 
O espírito párase un intre para tomar un respiro e para serenarse observando o fluír das augas dun río humilde, pero volve o sentimento de amargura ó seu peito.
     
“Resulta que agora un director italiano que ama a nosa terra, Simone Saibene, fai un híbrido de película e de documental no cal unha actriz carismática, Carmen Méndez, volve a realizar andando o traxecto dos tres escritores. Os encontros que se producen, en especial o que presenta á encantadora neta de Vicente, Isabel Risco, humanizan o engado deste logrado proxecto. Todo moi ben, pero hai un problema”. 
     
“Trátase dunha soa expedición de nove días, que dá para un libro e para unha película. E eu que? Percorro Galicia en múltiples viaxes, déixome os ollos en centos de arcanos manuscritos, escribo un libro de máis de mil páxinas – un libro cheo de erudición e de paixón, con primoroso estilo - so para ver como queda confinado ás sombras. Dende a primeira edición de “Galicia” en 1888, unicamente Xusto Beramendi fixo unha nova edición en 1982 en dous volumes que poucos retiran nas bibliotecas. É un libro que tiña que estar en moitos fogares galegos! Que o traduzan á nosa lingua, que preparen unha edición crítica realzada cos avances en coñecemento histórico e en valores que xulguen necesarios, pero que se reedite!”
     
Con ira, Murguía lanza ó río un pau que se convirte no acto nun intrépido barquiño.
     
“E Rosalía? Ela, como sempre. Preocupada polos nenos, polos pobres, pola ecoloxía, polo maltrato, pola corrupción, polos refuxiados, por todos menos por ela mesma. Como é posible que aínda non se fixera unha biografía extensa sobre ela? A máxima figura do país. Tampouco unha soa longametraxe. Poucos documentais, ningún deles aspirante a definitivo. Por que?”
     
Murguía párase a contemplar o cruceiro de Berrimes e, cavilando, dá a volta para regresar á outra esfera. Quere intercambiar unhas palabras amigables con Don Ramón e coa cantora do río Sar.
      
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes. Estas obras están todas inéditas.