Galicia-Catalunya, en Compostela

A Selección Galega absoluta feminina de fútbol sala volve xogar un encontro 19 anos despois, o vindeiro 7 de marzo, que servirá para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora e para promover o futsal feminino. Entradas á venda a 2 e 5 euros para Santa Isabel.

Por gcdeportes | Compostela | 22/02/2017 | Actualizada ás 09:02

Comparte esta noticia

Galicia-Catalunya, vindeiro martes 7 de marzo ás 20.30 horas en Compostela. Ocasión única para volver ver a Selección Galega absoluta feminina de fútbol sala, que non disputa un encontro dende 1998. E ademais de promover o futsal feminino en Galicia, toda unha potencia a nivel estatal, o choque (integrado nos actos programados polo Concello de Santiago) servirá para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora. Ocasión magnífica para reivindicar a igualdade de xénero no deporte.

O encontro está organizado polo Concello de Santiago, a Federación Galega de Fútbol e o Santiago Futsal. Será o regreso da Selección Galega absoluta feminina de fútbol sala despois de 19 anos. A Federación Española organizaba antes campionatos nacionais de seleccións absolutas, pero dende hai uns anos optou por categorías como a sub-23 primeiro e a sub-21 na actualidade. A Federación Galega quixo recuperar as seleccións galegas de fútbol sala, igual que fixo o ano pasado coas de fútbol, cun gran éxito e un enorme apoio social.

A federación elixiu un tándem formado por Manu del Castillo e María del Carmen Carro Queru para a dirección técnica da Selección Galega. Manu del Castillo foi xogador no histórico Chaston da Coruña e adestrador do equipo máis laureado de todos os tempos do futsal galego, o Sal Lence coruñés, e tamen foi seleccionador galego feminino sub-23 e sub-21. Queru foi adestradora do Valdetires na Primeira feminina. Completan o corpo técnico a preparadora física Ana Fragueiro, a fisioterapeuta Lucía Nieto Pérez, a delegada Enátali Fernández e a médica Dolores Martín Rodríguez.

Xa se poden adquirir as entradas para o encontro nas oficinas do Santiago Futsal e nas da Federación Galega de Fútbol no estadio de San Lázaro. Os prezos son 5 euros para os adultos e 2 euros para os menores de 18 anos.

O pavillón compostelán de Santa Isabel acollerá o histórico Galicia-Catalunya.
O pavillón compostelán de Santa Isabel acollerá o histórico Galicia-Catalunya. | Fonte: @Santiago_Futsal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 CeNToLiNHo

O precedente creo que é máis recente. Se non lembro mal, durante o bipartito xa xogaran incluso un mundial da AMF (asociación mundial de Futsal) disputado en Cataluña.... ainda que esa seleción dependia directamente da Federación Galega de Futbol-Sala e non daFederación Galega de Futbol