Cal será o impacto real do Brexit na economía galega?

Para sabelo, o Parlamento, a petición do PP, pediulle á Xunta que elabore un informe que analice as repercusións que vai ter en Galicia a decisión británica de saír da UE.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2017 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia --cos votos do PP e o PSdeG e a abstención de BNG e En Marea-- pediu este mércores á Xunta que elabore, coa participación do Consello de Acción Exterior de Galicia e do Consello Económico e Social, un informe sobre os posibles impactos do 'Brexit' na economía galega e nos seus sectores produtivos e que o presente na Cámara antes de que finalice este ano 2017.

Boris Johnson, ex-alcalde conservador de Londres e un dos políticos máis activos a prol do Brexit
Boris Johnson, ex-alcalde conservador de Londres e un dos políticos máis activos a prol do Brexit | Fonte: Youtube.

A iniciativa foi defendida polo portavoz do PPdeG na Cámara, Pedro Puy, quen, aínda que expresou o seu desexo de que "as bondades" da UE "poidan ser redescubiertas" polos británicos, avogou por porse "na peor hipótese" e analizar o impacto da saída de Reino Unido da UE nas nosas exportacións.

O obxectivo, segundo as súas propias palabras, é coñecer o escenario e traballar por que a afectación que poida causar na nosa economía sexa "a menor posible". Con el coincidiu o socialista Juan Manuel Díaz Villoslada, partidario de "dar certidumbres" ao tecido produtivo, de modo que negociou certos cambios no texto da súa proposición non de lei co representante do grupo maioritario.

Pola súa banda, Noa Presas (BNG) sinalou que o 'Brexit' é unha decisión "lexitimamente tomada polo pobo do Reino Unido" e, aínda que se mostrou partidaria de avaliar o seu impacto, pediu analizar tamén a repercusión do CETA (o acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Canadá) e da competencia lusa en Galicia.

O portavoz de En Marea no debate, Manuel Lago, reflexionou sobre que o que puxo de manifesto o 'Brexit' é que "Europa deixou de ser un modelo atractivo" para moitos, de modo que animou a traballar por "unha reforma profunda" do sistema que permita "construír unha Europa social que estea ao servizo da cidadanía e non das elites".

TAXAS DE OCUPACIÓN DO DOMINIO PÚBLICO

Por outra banda, no pleno debateuse, a instancias do parlamentario de En Marea Pancho Casal, sobre a conveniencia de deseñar unha ordenanza tipo para que os concellos poidan impor unha taxa ás instalacións de transporte de electricidade, gas, auga e hidrocarburos por ocupar o dominio público.

Recibiu o visto e prace do BNG, cuxo portavoz na materia, Luís Bará, defendeu que esas empresas paguen "por usar o que é de todos"; e do PSOE, unha postura verbalizada por Begoña Rodríguez Rumbo.

No entanto, o representante do PP no debate, Alberto Pazos Couñago, rexeitou deseñar un modelo, aínda que deixou claro que a Xunta "colaborará" con calquera municipio que necesite asesoramento nesta materia. Pero deixou claro que as taxas "non están para incomodar a ninguén, senón para beneficiar o interese público e mellorar a recadación".

"Votan en contra para deixar abandonados por centos de concellos en mans dos 'goliat' que son as empresas eléctricas", censurou Pancho Casal na súa quenda de peche do debate, non sen lamentar que se vivan estas situacións no Parlamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta