Celta, ilusión por remontar

O equipo celeste, coa única baixa de Radoja, necesita gañar e marcar dous goles en Kharkiv para tumbar o Shakhtar Donetsk e clasificarse para oitavos de final da Europa League. “Creo moito máis no emocional que no futbolístico”, apela o Toto Berizzo.

Por gcdeportes | Vigo | 23/02/2017 | Actualizada ás 08:16

Comparte esta noticia

Presionar moi arriba, tentar que o rival non xogue cómodo, quitarlle o balón e atacar, todo o tempo posíbel e con canta máis xente mellor, pero con equilibrio, gardando as costas. En Kharkiv, a segunda cidade ucraína, a 40 quilómetros da fronteira rusa e a 350 de Donetsk, con ameaza de neve, “un dos partidos máis importantes da historia celeste” recente, nas verbas de Berizzo. Na Europa League, trala decepción da Copa, o Celta busca no OSK Metalist (21.05 horas) a remontada ante o Shakthar Donetsk tralo 0-1 da ida en Balaídos e acadar o pase aos oitavos de final. Dúas ducias de seareiros acompañaron o equipo vigués na súa longa viaxe (case seis horas) a Ucraína.

Os afeccionados celestes que acompañaron o equipo a Ucraína.
Os afeccionados celestes que acompañaron o equipo a Ucraína. | Fonte: @RCCelta

"E cando teñamos a pelota, atacar moito. Hai que imaxinar un partido equilibrado e de ataque. Será un reto quitarlles o balón e atacar co maior número de futbolistas posíbel, equilibrados, sen facer nada que non teñamos feito antes”, aventura o técnico celeste, que non poderá contar con Nemanja Radoja e que xa avanzou que xogará con tres dianteiros, Iago Aspas e Guidetti fixos, e Pione Sisto ou Théo Bongonda. No canto do centrocampista serbio, o chileno Chelo Díaz, acompañado por Tucu Hernández e Daniel Wass. A defensa, a habitual: Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia e Jonny, coa única dúbida na portaría: Sergio Álvarez ou Rubén Blanco.

“Creo moito máis no emocional, no apaixonado, na alma dun equipo, que no táctico ou futbolístico. Evidentemente temos que xogar moi ben, pero apoiados na emoción. Para nós é uno dos partidos máis importantes na historia do club nos últimos anos. E preparámolo con moita seriedade e serenidade. Hai que xogar moi ben, pero temos un apoio emocional, un combustible, que ten que ver coa paixoón”, salienta o Toto Berizzo, que confía na calidade e movilidade de Iago Aspas para xerar perigo.

Pola súa parte, o adestrador do Shakhtar, o portugués Paulo Fonseca, que recupera a Stepanenko, avisa da perigosidade do Celta, que “loitará ata o último minuto”, e da perigosidade de pensar “que a eliminatoria está resolta”. Malia a todo, o equipo ucraíno, que xogará por primeira vez en Kharkiv, suma sete vitorias nos sete partidos da Europa League disputados e está invicto na Liga, a piques de reanudarse tralo parón de dous meses polo inverno.

Pero o celtismo lembra a xesta acadada en novembro de 1998, cando venceu por 1-3 o todopoderoso Aston Villa con goles de Mostovoi, Penev e Juan Sánchez, remontando o mesmo 0-1 dos ingleses en Balaídos. Moito máis preto no tempo, está o 1-2 ao Real Madrid no Bernabéu, un resultado que servirió o Celta para clasificarse para oitavos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta