Por M.V. | Santiago de Compostela | 24/02/2017 | Actualizada ás 14:00
Compostela Aberta (CA) publica un gratuíto propio en papel, O Viso, dende o comezo de lexislatura. Este “xornal municipal de Compostela Aberta” busca contrarrestar os ataques editoriais que recibe o Goberno de Martiño Noriega dende os grandes medios e, asemade, facer propaganda das políticas da marea.
Neste número de febreiro, O Viso inclúe unha páxina enteira para desmentir varias informacións publicadas polos dous xornais en papel máis populares da capital, La Voz de Galicia e El Correo Gallego.
Nesta sección “Contrainformación” explícase, por exemplo, que a foto que ilustrou a noticia da Voz “El Valedor do Pobo Reprocha a Raxoi pasividad ante los ruidos de los bares” era de 2014, cando gobernaba o PPdeG. Polo tanto, a pancarta da imaxe co slogan “Hartos de Ruído y Vandalismo, Señor Alcalde ¡Queremos Dormir!” ía dirixida contra Agustín Hernández e non contra Noriega; como se deducía erroneamente, dado que La Voz non puxo un pé de foto que informase que se trataba dunha mobilización da Plataforma Santiago Sen Ruído de hai dous anos.
De El Correo Gallego, CA di que “pasa ao seguinte nivel borrando a Martiño Noriega das fotos, sexa cal sexa o acto ao que acuda ao alcalde”. Como exemplo destas prácticas, frecuente durante o stalinismo, pon a entrega dos premios Spin 2016, no que o xornal recortou a foto de familia pola esquerda xusto no punto adecuado para que non saia o edil, malia que no encadre pola dereita sobra ‘aire’; é dicir, hai un pequeno espazo sen ninguén.
Esta é unha estratexia de comunicación nova no panorama político-mediático galego. Até esta lexislatura, ningunha forza atrevérase a cuestionar directa e publicamente a credibilidade de determinados xornais.
Certo é que o BNG ten cargado en varias ocasións especificamente contra La Voz, pero sempre de portas cara dentro, só nas súas comunicacións aos militantes para explicar os seus reveses electorais. Na capital do Estado hai algo parecido, pero a nivel institucional. O Goberno de Ahora Madrid lanzou unha sección na web pública, MadridVO, na que vai desmentindo as informacións que cree erróneas da prensa local, a miúdo dos conservadores La Razón e ABC.
MadridVO foi recibida con moitísima polémica nos medios, mentres que da sección “Contrainformación” d’O Viso está a suscitar menos controversia política. “Contrainformación” está presente dende os primeiros números d’O Viso e daquela centrábase sobre todo en desmentidos a El Correo.
Cómpre lembrar que CA e o xornal conservador manteñen un enfrontamento aberto dende o inicio da lexislatura. Unha dialéctica que culminou na denuncia do xornal conservador contra o alcalde nos xulgados. Noriega tivo que declarar como investigado ante a xuíza por esta denuncia. Malia isto, tanto o medio denunciante como a competencia e os partidos locais están pasando de puntillas sobre o asunto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.