Compostela Aberta rebate a La Voz e a El Correo directamente

Fotos da época do PP como se fosen da era de Martiño Noriega e incluso imaxes nas que o alcalde desaparece, como sucedía na URSS. Estes son dous dos exemplos de suposta manipulación informativa que a marea de Santiago denuncia no seu xornal, aplicando unha estratexia sen precedentes no país.

Por M.V. | Santiago de Compostela | 24/02/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Compostela Aberta (CA) publica un gratuíto propio en papel, O Viso, dende o comezo de lexislatura. Este “xornal municipal de Compostela Aberta” busca contrarrestar os ataques editoriais que recibe o Goberno de Martiño Noriega dende os grandes medios e, asemade, facer propaganda das políticas da marea.

Martiño Noriega en rolda de prensa
Martiño Noriega en rolda de prensa | Fonte: santiagodecompostela.gal

Neste número de febreiro, O Viso  inclúe unha páxina enteira para desmentir varias informacións publicadas polos dous xornais en papel máis populares da capital, La Voz de Galicia e El Correo Gallego. 

Nesta sección “Contrainformación” explícase, por exemplo, que a foto que ilustrou a noticia da Voz “El Valedor do Pobo Reprocha a Raxoi pasividad ante los ruidos de los bares” era de 2014, cando gobernaba o PPdeG. Polo tanto, a pancarta da imaxe co slogan “Hartos de Ruído y Vandalismo, Señor Alcalde ¡Queremos Dormir!” ía dirixida contra Agustín Hernández e non contra Noriega; como se deducía erroneamente, dado que La Voz non puxo un pé de foto que informase que se trataba dunha mobilización da Plataforma Santiago Sen Ruído de hai dous anos.

De El Correo Gallego, CA di que “pasa ao seguinte nivel borrando a Martiño Noriega das fotos, sexa cal sexa o acto ao que acuda ao alcalde”. Como exemplo destas prácticas, frecuente durante o stalinismo, pon a entrega dos premios Spin 2016, no que o xornal recortou a foto de familia pola esquerda xusto no punto adecuado para que non saia o edil, malia que no encadre pola dereita sobra ‘aire’; é dicir, hai un pequeno espazo sen ninguén. 

Esta é unha estratexia de comunicación nova no panorama político-mediático galego. Até esta lexislatura, ningunha forza atrevérase a cuestionar directa e publicamente a credibilidade de determinados xornais. 

Foto da presentación do Spin2016 na edición impresa de El Correo e outra imaxe dese mesmo intre
Foto da presentación do Spin2016 na edición impresa de El Correo e outra imaxe dese mesmo intre | Fonte: oviso.gal

Certo é que o BNG ten cargado en varias ocasións especificamente contra La Voz, pero sempre de portas cara dentro, só nas súas comunicacións aos militantes para explicar os seus reveses electorais. Na capital do Estado hai algo parecido, pero a nivel institucional. O Goberno de Ahora Madrid lanzou unha sección na web pública, MadridVO, na que vai desmentindo as informacións que cree erróneas da prensa local, a miúdo dos conservadores La Razón e ABC.

MadridVO foi recibida con moitísima polémica nos medios, mentres que da sección “Contrainformación” d’O Viso está a suscitar menos controversia política.  “Contrainformación” está presente dende os primeiros números d’O Viso e daquela centrábase sobre todo en desmentidos a El Correo. 

Cómpre lembrar que CA e o xornal conservador manteñen un enfrontamento aberto dende o inicio da lexislatura. Unha dialéctica que culminou na denuncia do xornal conservador contra o alcalde nos xulgados. Noriega tivo que declarar como investigado ante a xuíza por esta denuncia. Malia isto, tanto o medio denunciante como a competencia e os partidos locais están pasando de puntillas sobre o asunto.

Imaxe dunha nova da Voz de 2016 e dunha entrada de 2014 do blog da Plataforma Santiago Sin Ruido
Imaxe dunha nova da Voz de 2016 e dunha entrada de 2014 do blog da Plataforma Santiago Sin Ruido | Fonte: oviso.gal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 21 comentarios

5 Martiño non Riega

La ERA está pariendo un corazón... tralara tralará....

4 Nefelibata

Oh... Deixaron de andar choromicando polos currunchos o mal que os trata a prensa e agora dan a súa versión... En fin... Tarde, moi tarde... E mal, coma case todo o que facedes: sen xeito, sen traza, sen nin sequera ganas... Déronvolo todo feito e non sabedes nin solucionar o día a día dos cidadáns. Pensades que son necios e non ven? De todos xeitos, está ben comprobar que algún de vós dedícase a traballar. Parabéns cada pobo ten o que merece e, supoño, que cada cidade tamén. https://www.youtube.com/watch?v=cLc...

3 Que calvo está sen pucha

Hai unha solucion que pode deixar contentos a todos que El Correo constitua unha empresa Cidadanía de Recepción de Subvencións á Prensa de Compostela Aberta SL e así igual lle cae algunha privatización aberta.

2 Xesús Ateo Recalcitrante

A verdade é que debido á dependencia que os políticos se crearon dela, a prensa é moi poderosa e influinte nese ambiente, no que se lle da máis valor que o que realmente ten. Isto non é de agora; xa ven da época da transición ao post-franquismo. E, incluso, hai xornalistas que se cren deuses. Xa era hora de que alguén lle dera nos fociños a tanta manipulación e que xurdiran políticos que no se fagan dependentes da prensa. Parabéns.

1 Buffito

"como se fosen da era de Martiño Noriega" hahahahaha hahahahaha hahahahaha hahahahaha hahahahaha hahahahahaha hahahahaha hahahahaha hahahahaha hahahaha hahahaha hahahaha hahahaha hahahahaha hahahaha