Rosario Porto aparece desmaiada na súa cela tras inxerir pastillas o día do seu traslado de cárcere

A nai de Asunta, que apareceu morta en setembro de 2013, ía ser trasladada de prisión para cumprir condena na da Lama, en Pontevedra. A muller foi ingresada na UCI do CHUAC.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2017 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

Rosario Porto, a nai de Asunta que apareceu morta en setembro de 2013, apareceu este venres desmaiada na súa cela do cárcere de Teixeiro tras inxerir varias pastillas, coincidindo co día en que ía ser trasladada de prisión, para cumprir condena na da Lama, en Pontevedra.

Alfonso Basterra e Rosario Porto, declarados culpables da morte da súa filla Asunta
Alfonso Basterra e Rosario Porto, declarados culpables da morte da súa filla Asunta | Fonte: Telecinco

Fontes penais confirmaron que este xoves lle foi comunicado o seu traslado ao cárcere da Lama, un procedemento habitual nestes casos unha vez que a condena é firme. Así, realízanse uns informes que se envían a Institucións Penais, que decide o cárcere de cumprimento.

As mesmas fontes aseguraron que non é a primeira vez que Rosario Porto actúa dunha forma similar cando "recibe unha noticia que non lle gusta", e fixeron notar que a inxesta de pastillas coincidiu coa hora de reconto de presos, ao redor das 8,00 horas da mañá, co que entenden que se tratou dunha "chamada de atención" e non un intento real de quitarse a vida.

Ademais, indicaron que, ao contrario que noutras ocasións, cando recibiu a noticia do traslado para A Lama non mostrou ningún comportamento fóra do "normal", o cal si fixo, afirmaron, noutros momentos. Por iso, non se lle puxo ningunha persoa de apoio na cela.

Respecto de como tivo acceso ás pastillas, estas mesmas fontes atribúeno á medicación habitual que toma e a posibilidade de conseguir outros fármacos doutros internos.

Tras ser localizada na súa cela, Rosario Porto foi trasladada en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), onde, segundo confirmaron fontes próximas, permanece escoltada e ingresada na UCI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta