Temas: LOBO ADEGA

Adega asegura que non existe superpoboación de lobos en Galicia

A asociación ecoloxista condena os controis poboacionais desta especie e advirte de que as batidas a outros animais empuxan ao lobo a abandonar o seu territorio e a aproximarse a zonas máis próximas á poboación humana.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2017 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) asegurou este venres que non existe superpoboación de lobos en Galicia. É máis, fixo fincapé en que esta idea é "falsa", pois o número de grupos de lobos que habitan no país mantense "estancado" desde a década dos oitenta, cando se recolleron os primeiros datos.

Cachorros de lobo
Cachorros de lobo | Fonte: Miguel Mosquera

Nunha rolda de prensa celebrada na compostelá libraría Couceiro, o biólogo e vogal de biodiversidade de Adega, Martiño Nercellas, indicou que, na actualidade, hai uns 90 grupos de lobos repartidos ao longo e ancho da xeografía galega. Nercellas precisou que estes grupos poderíanse traducir nuns 400-700 exemplares. De todos os xeitos, fixo fincapé en que esta cifra non ten demasiada validez científica, pois depende de varios factores.

En primeiro lugar, relatou, esta cifra tería sentido se se lle atribúen oito exemplares a cada grupo de lobos e, en segundo lugar, se se asume que cada grupo se reproduce cada ano. Porén, ningunha das premisas anteriores ten por que cumprirse, xa que non todos os grupos están compostos por oito membros nin se reproducen cada ano. Por todo iso, explicou, o máis adecuado é falar de grupos e non de exemplares.

Así mesmo, denunciou que son poucos os cachorros de lobo que conseguen chegar ao ano de vida debido á persecución, asegurou, que sofre esta especie. De feito, lamentou que cada ano morren entre 200 e 300 lobos como consecuencia das batidas destinadas a cazar outras especies, como o raposo e o xabaril.

O LOBO ABANDONA O SEU TERRITORIO

Este feito, continuou o biólogo, empuxa ao lobo a abandonar o seu territorio e a aproximarse a zonas periurbanas, aos lindes das aldeas ou mesmo ás vías de comunicación, por iso é polo que aumentou a súa visibilidade.

Unha femia de lobo cos seus cachorros
Unha femia de lobo cos seus cachorros

Acto seguido, fixo fincapé en que o impacto económico calculado en base aos avisos por danos sitúase no 0,035 por cento do valor produtivo da cabana gandeira total estimada para Galicia. Por iso, sostén que o incremento no número de avisos en 2016 "puido ter máis que ver coa mellora no protocolo de recollida de avisos e polo efecto do incremento de axudas que por un aumento real nos ataques".

A continuación, defendeu que os controis poboacionais son "contraproducentes" e "non adoitan cumprir co seu fin", e poden "empeorar a situación". "Na actualidade, as autorizacións son tramitadas cunha dubidosa ou nula xustificación científico-técnica, e responden máis ben a decisións arbitrarias atendendo a determinados intereses", aseguraron desde Adega.

Así mesmo, o colectivo ecolóxico considera que existe un "fracaso" na política de axudas por danos, relacionado, sinalou, "cunha baixa dotación económica e con atrasos". Estes, precisou a asociación, "acumulan falta de pagamentos por valor de 570.000 euros desde 2010".

"FRACASO" NAS MEDIDAS PREVENTIVAS

De igual modo, desde Adega entenden que existe un "fracaso" na posta en marcha de medidas preventivas, que, a xuízo do colectivo, son unha das claves para a solución deste problema.

Así mesmo, o colectivo apostou por converter o problema do lobo nunha oportunidade, do mesmo xeito que se fixo, relataron, co oso en Asturias. E é que o lobo, aseguraron, non só sería beneficioso para o turismo, senón tamén para crear valor engadido alí onde habita.

Por iso, suxeriron que os produtos procedentes dos lugares onde habita o lobo en Galicia —como o mel ou a carne de gando— conte cunha marca de calidade. E é que, defenderon, o lobo forma parte do imaxinario tradicional galego.

Temas: LOBO ADEGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Guardés

No bosque poida que non; pero no Parlamento a superpoboación de lobos é notoria

1 pp ruina do campo

Nalguns ambientes ainda existe a teoría de helicópteros da xunta tirando lobos en paracaídas polo medio do monte e incluso nos eidos e lameiros... comen mais cabalos salvaxes que vacas e cordeiros, muito e mala fama e xornais como a coz que estimulan a cazadores e pepeiros do monte, algún deses cree que Franco fixo ben como fraga e demais caterva ... o autentico lobo e o PEPEIRO que esta arruinando o campo galego, están arruinando a gaderia, o lácteo... están facendo muito mal amparando a grandes empresas explotadoras e cinicas, demasiados empresaros gordos e parasitarios!!! os autenticos empresarios están traballando no campo non depredando en comodos despachos en mandriles seica tamen en bruxelas... a estes si que había que soltarlles lobos e incluso tigres e leons!!!!