A CIG alerta de que a crise igualou "en precariedade" a homes e mulleres

A secretaría de Muller da CIG presentou este venres o Informe sobre a Situación Laboral das Mulleres en 2016 baixo o título 'Igualdade, para que?', no que se constata que a crise igualou "en precariedade" a homes e mulleres.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2017 | Actualizada ás 17:50 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A secretaría de Muller da CIG presentou este venres o Informe sobre a Situación Laboral das Mulleres en 2016 baixo o título 'Igualdade, para que?', no que se constata que a crise igualou "en precariedade" a homes e mulleres.

En concreto, a secretaria de Muller da CIG, Margarida Curral, explicou que as mulleres que saíron do desemprego "fixérono en condicións precarias, en ocupacións flexibles e informais, con contratos a tempo parcial ou temporais, subcontratas ou mesmos empregos que carecen de protección social".

Así, unha das "nefastas" consecuencias das reformas postas en marcha para saír da crise foi "a equiparación en precariedade entre homes e mulleres". "Esta non é a igualdade que queriamos as mulleres. Nós non queriamos igualarnos en precariedade. Cando esixiamos os mesmos salarios que os homes non pretendiamos obter unha rebaixa nos seus, senón os mesmos dereitos que eles a priori conseguiran", resumiu Curral.

Xunto a isto, denunciou como agravante o "recorte en servizos sociais, sanidade e educación, a redución dos fondos públicos destinados ás políticas de igualdade e prevención a atención ás vítimas e violencia machista e a posta en marcha de políticas ultraconservadoras" que, á súa entender "pretenderon devolver o rol de coidadoras e reprodutoras ás mulleres".

Segundo recolle o informe e detallou Natividade López, responsable do gabinete de Economía da CIG, durante os primeiros anos da crise, os sectores máis prexudicados foron construción e industria, moi masculinizados, polo que en 2012 "as taxas de paro masculinas e femininas igualáronse no 20% e mesmo no ano 2013 a masculina superou a feminina".

Con todo, apuntou, "a partir de aquí, e ao volver incrementarse a ocupación coa recuperación económica, comezaron de novo a crecer as diferenzas".

En taxa de actividade, no ano 2008 había unha diferenza de 16 puntos a favor dos homes, "que se viu reducida a 9,7 no ano 2016". "Algo semellante aconteceu na taxa de ocupación, onde a diferenza se reduciu dos 15,9 puntos do ano 2008 aos 7,3 do ano 2016", precisou.

Este achegamento, con todo, debeuse "á perda de actividade e ocupación entre os homes, xa que as mulleres mantéñense practicamente nas mesmas taxas que ao comezo da crise".

PENSIÓNS

Para López Gromaz, os "anos de discriminación e desigualdade plásmanse claramente" na pensión percibida ao concluír a vida laboral. Así, de media, no ano 2015 as mulleres percibiron 346,03 euros menos que os homes. A brecha das pensións entre homes e mulleres é de 37 puntos.

Esta diferenza, segundo a economista da CIG, débese tanto ás menores bases de cotización, como "ao feito das mulleres teñen menos anos cotizados, o que da como resultado pensións de miseria, que supoñen uns ingresos mensuais que non alcanzan os 600 euros".

Ademais, a CIG apunta a que "as pensionistas do futuro están a labrarse hoxe no mercado de traballo, máis precario que en décadas anteriores".

Segundo o informe, globalmente, desde 2009 reduciuse o salario medio anual das mulleres en Galicia en 93 euros. Xunto a isto, creceu o número de mulleres paradas e tamén o tempo que permanecen nesta situación. De feito, a CIG apunta que no ano 2009, o 18,8% das mulleres levaban máis de dous anos paradas, unha cifra que supera o 42% a finais de 2016.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta