Vitoria do Breo, derrota do COB

O Cafés Candelas vence 90-76 a CB Prat e suma a 16ª vitoria, a tan só unha do liderado e cun partido aprazado. Derrota de Ourense Provincia Termal 79-82 ante Palma con polémica arbitral. “Faltouselle o respecto á cidade”, denuncia Gonzalo García.

Por gcdeportes | Lugo / Ourense | 26/02/2017 | Actualizada ás 09:23

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Cafés Candelas Breogán 90:
Josep Franch (14), Rafa Huertas (19), Salva Arco (12), Jonathan Gilling (2), Matt Stainbrook (17) –cinco inicial- Fakuade (2), Sergi Quintela (12), Lobito Fernández (6) e Iván Cruz (6).
CB Prat 76: Xavi Forcada (17), Xavi Moix (0), Nikolic (0), Pep Ortega (11), Óscar Amo (7) –cinco inicial- Martí (9), Sergi Costa (11), Álex Ros (17), Xabi López-Aróstegui (2), Marc Sesé (2) e Bieshaar (0).
Parciais: 27-18, 15-19 (42-37), 22-24, 26-15.
Árbitros: Francisco Zafra e Alejandro Aranzana. Eliminaron por cinco faltas a Óscar Amo.
Incidencias: partido da 25ª xornada da LEB Ouro no Pazo Provincial dos Deportes. No descanso, estrea do himno do 50 aniversario do club, obra do cantautor David Prado.

Os breoganistas celebran a vitoria co Pazo.
Os breoganistas celebran a vitoria co Pazo. | Fonte: @CBBreogan

O rival tardou case seis minutos en anotar en xogo, e Breogán gañaba xa 17-2 no primeiro cuarto. Pero relaxouse pola euforia (Lezcano dixit) e os cataláns foron pouco a pouco remontando e chegaron a poñerse 56-59 tras unha tripla de Álex Ros. Reacción lucense no final do terceiro cuarto, cun parcial de 8-2, liderada por Sergi Quintela, e o Breo retomou a boa senda no último cuarto (defensa e ataque rçapido) para sentenciar cun parcial de 26-15. Ao final, 90-76. Unha vitoria pelexada, unha máis, e o Breogán suma xa 16, a unha dos líderes (Palencia e Gipuzkoa) e cun partido aprazado. Matt Stainbrook foi o MVP do partido con 17 puntos e 9 rebotes, e Rafa Huertas o máximo anotador con 19 e 5/6 en triplas.

Dúas triplas de Rafa Huertas axudaron a Breo a abrir oco no arrinque (12-2). Prat parou o partido con apenas tres minutos disputados, pero un 2+1 de Stainbrook puxo a máxima diferenza (17-2). Álex Ros, dende o banco, anotou dúas triplas consecutivas e os cataláns baixaron dos dez puntos tralo primeiros dez minutos (27-18). De saída, terceira tripla de Huertas (30-18), pero Ros e 7 puntos de Xavi Forcada meteron a Prat no partido (36-30). Outro 2+1 de Stainbrook, resposta do ex-breoganista Pep Ortega (39-37) e Huertas foise ao descanso coa cuarta tripla: 42-37.

Trala reanudación, Huertas sumou a quinta e o Breo mantiña os dez de vantaxe (51-41), pero Prat sumou un parcial de 5-15, empatou o partido (56-56) e obrigou a Lezcano a pedir tempo morto. Álex Ros anotou de tres para o 56-59, entraron Sergi Quintela e Iván Cruz e contra as cordas reaccionaron os lucenses, cun parcial de 8-2 para chegar 64-61 aos últimos dez minutos. Martí e Forcada mantiñan a Prat coas triplas (70-67), pero Breogán apertou en defensa, correu en ataque e sentenciou cun parcial de 16-4 para volver a poñer a máxima diferenza de 15 puntos. Ao final, 90-76.

Ficha técnica:
Ourense Provincia Termal 79:
Christian Díaz (13), Mitrovic (13), Jukic (4), Dmitry Flis (10), Fran Guerra (16) –cinco inicial- Martín Rodríguez (0), Kapelan (14), Kyle Hittle (3), Tomás Fernández (2) e Devin Wright (4).
Palma Air Europa 82: Mikel Úriz (13), Mockford (0), Zengotitabengoa (8), Roger Fornàs (13),Víctor Serrano (4) –cinco inicial- Carles Bivià (10), Medori (6), Vicens (10) e Grabauskas (18).
Parciais: 16-18, 20-17 (36-35), 22-21, 21-26 (79-82).
Árbitros: Jorge Muñoz García e Juan Carpallo Miguélez. Eliminaron por cinco faltas persoais a Christian Díaz no COB.
Incidencias: partido da 25ª xornada da LEB Ouro disputado no pazo Paco Paz de Ourense ante preto de 3.000 espectadores.

Gonzalo García fala cun dos árbitros do partido ante Palma.
Gonzalo García fala cun dos árbitros do partido ante Palma. | Fonte: Carlos Domarco (COB)

A eliminación por faltas de Christian Díaz, unha tripla de Zengotitabengoa pisando a liña de xeito claro, unha falta sobre Kapelan non sinalada… e COB perdeu no Pazo 79-82 cunha tripla final de Carles Bivia. Xa sen o base titular ourensán na pista, Vicens apertou o choque cunha tripla (76-75) e Uriz empatou (76-76) dende o tiro libre. Pero Kyle Hittle volveu adiantar a Ourense dende 6,75 para o 79-76. Palma respostou cunha boa acción de Zengotitabengoa que os árbitros concederon de tres cando era de dous (79-79). Tempo morto de Gonzalo García de Vitoria para preparar a xogada para Kapelan, que recibiu a presión e a falta de Bivià e Úriz que os árbitros transformaron en loita e balón para Palma. Carles Bivià anotou unha tripla e deixou o pazo mudo con 79-82. Ourense queda oitavo con 14 vitorias, e Palma achégase con 13.

“Se le ha faltado al respeto a la ciudad. Cuando vi la designación, ya dije que perdíamos. No puede ser que esto quede impune. Me gustaría saber cuantos partidos he ganado con alguno de estos individuos. Lo de hoy es muy grave, ha sido una falta de respeto. Estamos cansados de esta situación. No estamos para provocaciones. Llevo ya muchos años en esta Liga y no estoy para que me chuleen. El club tiene que quejarse”, foron algunhas das verbas dun indignado Gonzalo García ante os medios ao final do partido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta