Noriega aposta por ampliar os acordos de gobernabilidade entre as mareas e o BNG

Aplaude o acordo en Pontevedra e desexaría que tamén se dera noutros concellos. Xustifica o seu relevo en Anova porque o seu papel como alcalde obrígalle "non lle permite representar ao conxunto da candidatura de unidade" e aposta por Antón Sánchez como substituto.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 26/02/2017 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

O alcalde compostelán, Martiño Noriega, celebrou que o BNG de Pontevedra abrise a porta á integración da marea pontevedresa no goberno local e indicou que "o coherente" sería que sucedese o mesmo en Santiago logo de que a formación frontista apoiase a aprobación do orzamento.

Nunha entrevista concedida a RNE recollida por Europa Press, Noriega descartou volver propor un pacto de goberno ao BNG santiagués. "Un non debe reincidir nas peticións cando sabe que a resposta vai ser a mesma porque corre o risco de ser pesado", remarcou, en referencia á negativa recibida por parte da asemblea local do Bloque, que descartou integrarse no goberno de Compostela Aberta.

Así as cousas, mostrouse "respectuoso" ante esta decisión, á vez que mostrou a súa satisfacción pola posibilidade de que Marea de Pontevedra pase a formar parte do goberno local, xa que "iso redundará en beneficio da cidade".

Nega "intercambio de favores"

Logo de que a pasada semana o pleno municipal de Santiago dese luz verde aos orzamentos para este ano, o rexedor negou que se producise un "intercambio de favores" entre BNG e mareas a raíz do apoio desta última ás contas do goberno de Fernández Lores en Pontevedra.

"Se o houbo, houbo unha dilatación temporal moi grande", suliñou, para logo indicar que a "fragmentación das corporacións" tras as municipais de 2015 obriga aos concellos a un "exercicio de diálogo" no que "a situación de cada partido, en concreto do PSOE, non axuda a fixar unha posición unitaria no conxunto do país".

"Ás veces é dificilmente explicable que forzas que comparten un espazo político non poidan cooperar polo ben da cidade", manifestou.

Balance de goberno

Noriega fixo balance do máis de ano e medio desde a chegada de Compostela Aberta ao Pazo de Raxoi e sobre se se cumpriron as "altas expectativas xeradas polo proceso de cambio" na cidade. "Non sei se hoxe se cumpriron pero traballamos para que se cumpran ao final da lexislatura", incidiu.

Deste xeito, o alcalde compostelán cre que no último ano "convertéronse ruídos en silencios" grazas á "aprobación dos orzamentos" ou a "captación de fondos", polo que se mostrou "optimista" para que "a xente valore ao final da lexislatura se se estivo á altura".

Por outra banda, Noriega volveu a repetir en que o caso do concelleiro de Espazos Urbanos, Jorge Duarte, investigado por un suposto trato de favor a locais de lecer nocturno; non constitúe "un caso de corrupción", xa que "en ningún momento actuou por enriquecemento nin en beneficio de ninguén".

Por tanto, asegurou que Compostela Aberta espera que "o caso quede arquivado" porque o suposto delito de prevaricación de Duarte foi "unha interpretación dun marco legal que afecta á hostalaría e que está sen desenvolver a nivel autonómico".

Anova

Noriega anunciou esta semana que deixará de ser coportavoz de Anova na asemblea que a formación nacionalista celebrará en marzo en Pontevedra, unha decisión que xustificou porque "a responsabilidade de ser alcalde da capital do país" obrígalle" a "non exercer de parte" para poder "representar ao conxunto da candidatura de unidade popular".

Noriega e Beiras na conferencia política de ANOVA
Noriega e Beiras na conferencia política de ANOVA

Un paso ao lado que, segundo Noriega, "non significa renunciar" ás súas "orixes" nin á súa militancia en Anova, formación que abre "unha nova etapa" na que "debe seguir incidindo na construción dese amplo espazo". "Pero o meu rol debe estar noutra liña. Tócalle a outros homes e mulleres a construción da marea", manifestou.

En canto a quen debe sucederlle no cargo, que ocupa na actualidade xunto a Xosé Manuel Beiras, indicou que o deputado de En Marea Antón Sánchez "ten peso específico", "carga simbólica" e a "valoración" suficiente para asumir ese rol.

Martiño Noriega, candidato de Compostela Aberta
Martiño Noriega, candidato de Compostela Aberta
Antón Sánchez na Cámara galega
Antón Sánchez na Cámara galega | Fonte: AGE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Asquerosa patera

Os que romperon a unidade pedindo, coma sempre unidade, Unidade cos españois, unidade cos amos, unidade cos explotadores unidades cos colonizadores, unidade de mariscantes... esa unidade non a queremos.

3 RRMx

Sentidiño chavales/as. Compre máis ca nunca. O lado oscuro ven por nós. Non vos perdades en caralladas fraticidas. Paréceme moi ben ir cara a unidade, ainda que sexa na acción. Adiante!!

2 velo? velo?

Ves eses olliños de Beiras? Eses olliños non llos pon a ninguén máis no mundo... Por outra banda, Duarte debeu dar exemplo e marchar. E se todo rematada arquivado todo o mundo entenderiamos que se fixese unha xerencia de urbanismo para traelo de volta.

1 Gamela

Seguimos xogando cara ADENTRO !!! Isto chámase ENROQUE CORTO ante unha posible escisión do Grupo Parlamentario En Marea. O chamado partido instrumental En Marea nin vai nin vén... Todo segue sendo SIGLAS e Redes Sociais !!! http://gamela00.blogspot.com.es/201...