Lugo, un punto en Pucela

O equipo lucense, superior ao Valladolid e con máis ocasións, tense que conformar cun empate, o terceiro consecutivo a domicilio e co mesmo resultado de 1-1. Joselu marcou de novo e suma xa 17 goles. O vindeiro domingo, o Almería no Anxo Carro.

Por gcdeportes | Lugo | 26/02/2017 | Actualizada ás 21:17

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Real Valladolid 1:
Pau Torres; Moyano, Guitián, Álex Pérez, Luciano Balbi; André Leao (Álex López, 69’), Míchel, Joan Jordán; Sergio (Villar, 57’), Raúl de Tomás e Arnáiz (Mata, 78’).
CD Lugo 1: Xose Xoan; Jordi Calavera, Marcelo Djaló (Carlos Hernández, 46’), Ignasi Miquel, Serge Leuko; Carlos Pita, Damiá Sabater (Sergio Gil, 73’); Iriome, Campillo, Fede Vico (Pablo Caballero, 75’) e Joselu.
Goles: 0-1: Joselu (minuto 12). 1-1: De Tomás (17’).
Árbitro: Areces Franco (asturiano). Amarelas a Marcelo Djaló (36’), Serge Leuko (37’), Sabater (71’) e Campillo (93’) nos lucenses.
Incidencias: partido da 27ª xornada de Segunda División disputado no estadio José Zorrilla ante 8.899 espectadores.

Leuko e Campillo celebran con Joselu o 0-1 en Pucela.
Leuko e Campillo celebran con Joselu o 0-1 en Pucela. | Fonte: lfp.es

Terceiro empate consecutivo do Lugo a domicilio, e as tres veces co mesmo resultado de 1-1. Zaragoza, Sevilla Atlético e desta volta Valladolid. Adiantáronse os lucenses cun novo gol de Joselu, pero axiña empatou Raúl de Tomás para o Valladolid. Os de Luis César foron superiores na segunda parte, na que os locais apenas crearon perigo, pero o Lugo tivo que confirmarse cun punto en Pucela, e suma tres xornadas sen gañar (2 dos últimos 9 puntos). O vindeiro domingo, o Almería, pechacancelas pero con novo adestrador, visitará o Anxo Carro.

O Valladolid tivo a primeira ocasión nada máis principiar o choque cun remate coa testa de Raúl de Tomás que saiu desviado, pero Joselu foi o máis rápido e aproveitou a primeira ocasión lucense para rematar un centro preciso de Iriome e facer o 0-1. Pouco durou a ledicia dos galegos, xa que catro minutos despois, De Tomás anticipouse a Marcelo Djaló na área e bateu a Xose Xoan tras un centro de Balbi. Ata o descanso, as únicas ocasións foron lucenses, con dous lanzamentos de Iriome e Campillo que atallou Pau Torres. 1-1 no tempo de lecer.

No descanso, Carlos Hernández entrou por Djaló, cunha tarxeta amarela. Nun córner no minuto 47, o Lugo creou perigo: Ignasi Miquel peiteou no primeiro pau pero Joselu non chegou a rematar no segundo. O Lugo apenas pasou apuros no segundo tempo, tan só unha ocasión de perigo para os casteláns, a que tivo Villar no minuto 60, pero Xose Xoan despexou a córner. Os minutos pasaban sen apenas ocasións, e Luis César deu entrada a Sergio Gil e Pablo Caballero. A mellor do Lugo chegou preto do minuto 85, nunha contra de Joselu, na que malia a superioridade lucense, optou por un disparo dende o bordo da área que saiu preto do pau dereito da meta local.
Campillo tentouno a falla de dous minutos, pero saiulle frouxo o disparo. No tempo engadido, a mellor do Valladolid, pero Villar rematou fóra coa testa. O Lugo, oitavo con 37 puntos.

A afección do Lugo desprazada ata Pucela celebra o gol de Joselu.
A afección do Lugo desprazada ata Pucela celebra o gol de Joselu. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta