O Dépor bota a Garitano

O club deportivista anuncia a destitución do técnico vasco despois da derrota en Leganés e busca xa un substituto para o banco, sendo Pepe Mel e Sergio González os mellor colocados. Garitano deixa o equipo con 19 puntos, fóra do decenso malia a xeira de sete xornadas sen vencer.

Por gcdeportes | A Coruña | 26/02/2017 | Actualizada ás 22:39

Comparte esta noticia

Tardou 24 horas o Dépor trala dolorosa derrota en Leganés en facer oficial o despido do adestrador Gaizka Garitano. Así o decidiu o Consello de Administración trala reunión de urxencia celebrada este domingo trala pésima imaxe ofrecida en Butarque. O club busca xa un substituto, sendo Pepe Mel, ex de Rayo Vallecano e Betis, e o ex–xogador deportivista Sergio González, os mellor colocados.

O presidente Tino Fernández xunto con Gaizka Garitano, na presentación en Riazor. / @RCDeportivo Tino Fernández e Gaizka Garitano Tino Fernández con Gaizka Garitano, na súa presentación como técnico do Dépor. / @RCDeportivo
O presidente Tino Fernández xunto con Gaizka Garitano, na presentación en Riazor. / @RCDeportivo Tino Fernández e Gaizka Garitano Tino Fernández con Gaizka Garitano, na súa presentación como técnico do Dépor. / @RCDeportivo

Oito meses durou a etapa de Gaizka Garitano no club coruñés. O técnico biscaíño deixa o equipo con 19 puntos despois de 23 partidos de Liga (4 vitorias, 7 empates e 12 derrotas), aínda fóra dos postos de descenso malia a xeira de catro derrotas consecutivas e sete xornadas, todas as de 2017, sen gañar. O Dépor, que ten aprazado o partido co Betis polo temporal, non vence dende o 18 de decembro (2-0 a Osasuna) e sumou tan só 4 dos últimos 21 puntos.

As catro últimas derrotas e os catro goles encaixados ante un rival directo na loita pola permanencia como o Leganés puxeron a Garitano nunha situación insostíbel no club. O Dépor aínda non gañou a domicilio neste curso e ao equipo escaparonselle moitos puntos (Sevilla, Málaga, Real Madrid ou Athletic) nos últimos minutos.

Tras Fernando Vázquez, Víctor Fernández e Víctor Sánchez del Amo, Gaizka Garitano convírtese no cuarto técnico que cesa o actual Consello de Administración que preside Tino Fernández desde que se fixo cargo do club en xaneiro do 2014.

No comunicado no que anunciou o despedimento de Garitano, o Deportivo agradeceu “sinceramente” ao técnico vasco e ao seu equipo “a dedicación, o esforzo e a profesionalidade” amosadas durante a etapa á fronte do primeiro equipo. Garitano acudirá este luns á Cidade Deportiva de Abegondo para despedirse de xogadores e demáis membros do club e comparecerá ás 10:30 horas ante os medios de comunicación. Cristóbal Parralo, adestrador do Fabril, acompañado por Javier Manjarín e Julio Hernando, dirixirá a sesión de adestramento prevista para este luns ás 11:00 horas en Abegondo.

Gaizka Garitano dá instrucións aos seus xogadores na banda.
Gaizka Garitano dá instrucións aos seus xogadores na banda. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta