Pepe Mel, plan B do Dépor

O técnico madrileño chega a Coruña este martes, xusto no día do seu 54 cumpreanos, para firmar o contrato polo que resta de tempada e dirixirá xa o seu primeiro adestramento pola tarde. Debutará o xoves contra o Atleti en Riazor.

Por gcdeportes | A Coruña | 27/02/2017 | Actualizada ás 21:23

Comparte esta noticia

Non hai moito tempo, no Betis-Dépor da tempada pasada (1-2 con goles de Fede Cartabia e Fayçal Fajr), Pepe Mel sentaba no banco do Betis e Víctor Sánchez del Amo no deportivista. Ano e medio despois, no Dépor-Betis da vindeira semana, aprazado no seu día polo temporal, Mel sentará no banco deportivista e Víctor no bético. O Dépor ten xa novo adestrador, o quinto da etapa de Tino Fernández como presidente, e Pepe Mel será o subsituto de Gaizka Garitano, cesado trala malleira encaixada en Leganés. Debutará este xoves en Riazor ante o Atleti.

Pepe Mel, ex de Rayo e Betis entre outros, novo adestrador do Dépor.
Pepe Mel, ex de Rayo e Betis entre outros, novo adestrador do Dépor. | Fonte: lfp.es

Fernando Vázquez, Víctor Fernández, Víctor Sánchez del Amo, Gaizka Garitano e agora arrinca a época de Pepe Mel. O RC Deportivo acadou xa un principio de acordo co adestrador madrileño, ex de Rayo e Betis entre outros equipos, que chegará a Coruña este martes, xusto no día do seu cumpreanos, para firmar o contrato e dirixir o primeiro adestramento, adiado ata as 17.00 horas en Abegondo para que sexa dirixido xa polo novo técnico.

Pepe Mel, que estaba sen equipo dende que foi cesado no Betis en xaneiro do ano pasado, chega agora polo que resta de campaña co obxectivo evidente de manterse en Primeira, con 15 partidos por diante. O Dépor, tras catro derrotas consecutivas, suma 19 puntos, dous máis que o Sporting, que marca os postos de descenso.

O técnico madrileño (28 de febreiro de 1963) debutou en Primeira División co Tenerife na campaña 2001-02 e suma xa 136 encontros na máxima categoría. Tralo paso por Murcia (2000-01), Xetafe (2002-03), Alavés (2003-04) e Poli Exido (2004-06), ascendeu a Segunda co Rayo Vallecano no 2009. Despois tivo a súa primeira etapa no Betis, co que ascendeu a Primeira no 2011 e co que chegou a disputar a Europa League. A tempada 2013-14 rematouna no West Bromwich da Premier League. Regresou ao Betis en Segunda na xornada 19ª da liga 2014-15 e volveu ascendelo, pero foi de novo destituido en xaneiro do 2016. En xuño, antes da fichaxe de Garitano, xa se falou das súas opcións para dirixir o Dépor.

Despedida de Gaizka Garitano

Antes de anunciar a chegada de Pepe Mel, foi o turno para a despedida de Gaizka Garitano, que aceptou a decisión da directiva pola “presión dos resultados” e a necesidade de “buscar un revulsivo”. Garitano desexou “o mellor ao Deportivo” e tivo verbas de agradecemento para todo o deportivismo: afección, club, traballadores, Tino Fernández e a súa xunta, para Richard Barral, para todos os futbolistas e para os xornalistas "polo seu respecto". Incluso ofreceu a súa axuda a Pepe Mel se a necesitase.

Pepe Mel con Tino Fernández, na presentación do novo técnico deportivista.
Pepe Mel con Tino Fernández, na presentación do novo técnico deportivista. | Fonte: @RCDeportivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta