SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2017 | Actualizada ás 11:43 por EUROPA PRESS
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou este martes no acto de clausura e entrega de diplomas do taller de emprego Vedra-Boqueixón 2016, concedido pola Xunta a estes dous municipios.
Organizado pola Consellería de Economía, en colaboración cos concellos de Vedra e Boqueixón, o taller conxunto formou, durante o últimos seis meses, a 20 alumnos-traballadores, baixo a tutela de cinco profesionais que desenvolveron a súa actividade como director, mestres e persoal administrativo.
Todos eles foron os encargados de desenvolver, ao longo de medio ano, diversos traballos de acondicionamento en zonas dos dous municipios promotores. Con este fin, a Xunta achegou máis de 179.000 euros.
O proxecto formativo Vedra-Boqueixón 2016 levou a cabo ata 27 actuacións de acondicionamento e mantemento doutras tantas instalacións de ambos os concellos, nas especialidades de carpintaría e mobles e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría.
En concreto, en Vedra acometeuse a rehabilitación da estación de ferrocarril de Santa Cruz de Ribadulla e realizouse o mantemento do CEIP Ortigueira, da escola de música, da casa da cultura, do centro cultural de Santa Baia, da pasarela peonil de Ximonde, da contorna do Museo Paz Campos e da Casa Consistorial, entre outras intervencións.
No caso de Boqueixón, levou a cabo o mantemento e conservación do centro de interpretación dos muíños e área recreativa de Gastrar, do local social de Sergude, dos campos de fútbol de Lestedo e Camporrapado, do campo da festa de Vigo, da Carballeira de Rodiño, dos campos da feira de Lestedo, Gastrar e Ledesma, das áreas recreativas de Subcira e Gastar e da contorna do Pico Sacro, entre outras cuestións.
FORMACIÓN PRÁCTICA
Ovidio Rodeiro destacou a importancia destes programas mixtos de formación e emprego porque "achegan unha formación eminentemente práctica" á vez que son "unha oportunidade para as persoas que se atopan nunha situación de desemprego".
Con estes talleres, a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas con dificultades para o acceso ao mercado de traballo.
O delegado territorial lembrou que na provincia puxéronse en marcha outros 23 talleres de emprego e oito de Garantía Xuvenil, para menores de 30 anos, sumando 600 alumnos beneficiados e un investimento de máis de 5.300.000 euros. Rodeiro indicou que, no conxunto da provincia, son un total de 72 concellos os que ao longo dos últimos meses desenvolveron ou están a desenvolver algunha destas iniciativas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.