A CRTVG recorrerá o fallo do TSXG a prol dunha traballadora que pediu cambio de quenda para conciliar

A compañía pública foi condenada a cambiar a quenda dunha traballadora. O fallo será recorrido ante o Tribunal Supremo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2017 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, confirmou este martes o recurso ao Tribunal Supremo dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que condena á compañía a cambiar a quenda dunha traballadora para facilitar a súa conciliación. Ratificouno en comisión parlamentaria para responder a Noela Blanco (PSdeG) e Olalla Rodil (BNG), quen lembraron que a traballadora en cuestión ten unha filla pequena e unha nai dependente ao seu cargo, e denunciaron a "vulneración de dereitos laborais" na CRTVG.

Comisión da CRTVG no Parlamento
Comisión da CRTVG no Parlamento | Fonte: Europa Press.

Ante as críticas das dúas deputadas, Sánchez Izquierdo puxo en valor as medidas de conciliación implantadas na compañía, ás que se acolleu "o 6,6 por cento" do persoal, "máis de 50 persoas". "Non creo que haxa en Galicia moitas empresas con estas cifras", reivindicou, para rexeitar "descualificacións xenéricas" sobre a vulneración da lei.

Sobre este caso "puntual", sinalou que un xulgado do Social desestimou en primeiro termo a reclamación da empregada e que o TSXG "a estimou só parcialmente".

E, tras rexeitar centrarse en cuestións "persoais" da afectada, expuxo que o recurso ao Supremo é "o interese da propia traballadora" e tamén do departamento de Recursos Humanos.

"QUE NON SE REPITA"

As explicacións do responsable da CRTVG non satisfixeron a Rodil e Blanco, ata o punto de que ambas as dúas reclamaron a Sánchez Izquierdo que se tomen medidas para que "non se repitan" situacións como estas. "As administracións e entidades públicas deben dar exemplo", argumentou a socialista.

Na súa quenda de peche do debate, o xornalista ourensán deixou claro que non se tomará "ningunha" dado que "non existe vulneración dos dereitos dos traballadores". "Mal se poden modificar uns protocolos que funcionan ben", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta