Condenados a tres meses dous mozos que participaron na protesta contra o profesor da USC cualificado de homófobo

O Comité pola Absolución de Antia, Mario e Atanes valora como "inxusta" esta condena, e sinala que "non ten máis fin que amedrentar a todas aquelas persoas que saen á rúa e se mobilizan polos seus dereitos".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/03/2017 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

Tres meses de cárcere por desordes públicas é a condena imposta a dous dos estudantes que levaron a cabo unha protesta na aula contra Domingo Neira, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela que foi suspendido temporalmente en 2013 polos seus comentarios homófobos en clase, pero que ao que logo se lle permitiu reincorporarse. Un terceiro mozo que foi xulgado polos mesmos feitos foi absolto. 

O profesor Domingo Neira
O profesor Domingo Neira | Fonte: La Sexta

Foron os propios estudantes os que, a través de FB, informaron da súa setenza. "Condénannos a 3 meses de prisión por defender un ensino público, en galego e non patriarcal", sinalan. Despois de case cinco meses de espera acaban de recibir a sentenza, aínda que anuncian que será recorrida.

Os tres estudantes xulgados critican a decisión e suliñan que se manifestaron "en defensa dun ensino público, galego e non patriarcal" e que iso "é, para eles, motivo suficiente para condenar a prisión a dúas estudantes". "Que pretender impedir que señores como Domingo Neira gocen da posición de poder que lles outorga unha Cátedra universitaria conseguida no franquismo, levando a loita polos nosos dereitos sexuais plenos alén dunha simple reivindicación estética ou propagandistica é ilegal", apuntan.

Críticas

Tamén desde o Comité pola Absolución de Antia, Mario e Atanes --os tres estudantes xulgados-- valora como "inxusta" esta condena, e sinala que "non ten máis fin que de forma exemplificante amedrentar a todas aquelas persoas que saen á rúa e se mobilizan polos seus dereitos". "De que clase de xustiza nos pretenden falar cando vemos día a día que unha protesta, un tweet ou unha canción reivindicativa che pode facer acabar en prisión mentres que os corruptos e bandidos reais son absoltos nos tribunais?", queixase.

A orixe dos feitos remóntase a 2013. Entón, e en resposta á pregunta dunha alumna da Facultade de Ciencias da Educación, Domingo Neira relacionou pederastia e homosexualidade, da que afirmou que era "unha alteración conxénita ou vicio". O mesmo profesor ratificou logo as súas opinións aos medios e mesmo dixo que deberían estar prohibidas as parellas do mesmo sexo, porque a homosexualidade é "contaxiosa" e esas parellas "pasaríanlle o mal ao seu fillo".

Por estas declaracións, Neira foi suspendido de emprego durante o curso 2013-2014, pero este volveu ás aulas o curso seguinte. Por iso, un grupo de estudantes levaron a cabo en maio de 2015 un escrache ao final dunha das súas clases, o que desembocou, tras a denuncia da Universidade de Santiago, no procesamento de tres deles. 

Esta é a mensaxe difundida a través do FB:

"Condénannos a 3 meses de prisión por defender un ensino público, en galego e non patriarcal-

Despois de case cinco meses de larga espera acabamos de recibir a sentenza do xuizo no que fumos procesadas Antia, Atanes e Mario por facer un scrache ao profesor homófobo Domingo Neira. 

Esta sentenza condénanos a Antia e Mario a 3 meses de prisión por desordes públicos, e absolve a Atanes.

Deste xeito, a "xustiza" española volve a lembrarnos que unha manifestación en defensa dun ensino público, galego e non patriarcal é, para eles, motivo suficiente para condenar a prisión a dúas estudantes. Que pretender impedir que señores como Domingo Neira gocen da posición de poder que lles outorga unha Cátedra universitaria conseguida no franquismo, levando a loita polos nosos dereitos sexuais plenos alén dunha simple reivindicación estética ou propagandistica é ilegal.

Así, desde o Comité pola Absolución de Antia, Mario e Atanes valoramos como inxusta esta condena, e sinalamos que non ten máis fin que de forma exemplificante amedrentar a todas aquelas persoas que saen á rúa e se mobilizan polos seus dereitos.

De que clase de xustiza nos pretenden falar cando vemos día a día que unha protesta, un tweet ou unha canción reivindicativa che pode facer acabar en prisión mentres que os corruptos e bandidos "reais" son absoltos nos tribunais?

Queren amordazarnos, meternos o medo no corpo a base de golpes, multas e condenas, pero non o van conseguir, seguiremos protestando e loitando polos dereitos que nos pertencen.

Deste xeito anunciamos que tanto Antia como Mario recurriremos a sentenza e continuaremos batallando no xulgado e nas rúas pola nosa absolución. 

Non nos calarán! 

Antia e Mario absolución!

¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta