Temas: XORNALISMO CPXG

Xuntanza dos colexios de xornalistas para avanzar na regulación da profesión

Francisco González Sarria, decano do Colexio de Xornalistas, participa nesta reunión que ten lugar en Sevilla.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/03/2017 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Francisco González Sarria, vai participar este sábado 4 de marzo nunha xornada de traballo en Sevilla co resto de colexios profesionais de xornalistas do Estado. A xornada, organizada polo Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía, quere pór en común proxectos e inquedanzas no ámbito profesional e avanzar na necesidade de articulación dos órganos colexiais da profesión.

Paco González Sarria, novo decano do CPXG xunto ao saínte, Xosé Manuel Pereiro e o secretario, Darío Janeiro
Paco González Sarria, novo decano do CPXG xunto ao saínte, Xosé Manuel Pereiro e o secretario, Darío Janeiro | Fonte: CPXG

Así, un dos obxectivos da reunión, segundo informa o CPXG nun comunicado, é o de avaliar a posíbel conformación no futuro dun Consello de Colexios Profesionais de Xornalistas, que articule dalgún xeito os esforzos colectivos dos distintos colexios, entre eles a colexiación obrigatoria para o exercicio da profesión, que xa foi solicitada hai uns anos. Tamén se vai aproveitar para presentar o Acordo do Compromiso Público polo Emprego e a Profesión Xornalística, impulsado polo colexio andaluz e ao que vén de sumarse o Colexio de Xornalistas. Así mesmo, poranse en común a experiencia de cada unha das entidades e analizarase a situación doutros territorios que, como Canarias, están a tentar constituír un colexio de xornalistas.

Na xuntanza van participar todos os colexios de xornalistas existentes neste momento no Estado, que inclúen, ademais dos de Galicia e Andalucía, o Col·legi de Periodistes de Catalunya, o Colegio Oficial de Periodistas de la Región de Murcia, o Colegio Profesional de Periodistas de Castilla y León, o Colegio Vasco de Periodistas-Kazetarien Euskal Elkargoa, o Colegio Profesional de Periodistas de La Rioja, o Colegio Profesional de Periodistas de Asturias. Ademais, contará cunha participación da xestora que está a impulsar o Colegio Navarro de Periodistas-Nafarroako Kazetarien Elkargoa, actualmente en proceso de constitución.

Temas: XORNALISMO CPXG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta