Cúmprense 50 anos da construción do encoro que asolagou sete aldeas da Costa da Morte

Foi realizado por Sociedad Española de Carburos Metálicos S.A. cunha concesión de 99 anos. En 1992 a titularidade pasou a ser de Ferroatlántica. En 2007 esta empresa provocou a morte de milleiros de peixes tras baleirar o encoro para producir máis electricidade.

Por Galicia Confidencial | Vimianzo | 06/03/2017 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

O Encoro da Fervenza, na Costa da Morte, acaba de cumprir 50 anos. Unha construción que non estivo exenta de tensións e que provocou o desprazamento de máis de 60 veciños e o asolagamento de ata sete aldeas de tres concellos diferentes.

Mapa dos lugares desaparecidos no Encoro da Fervenza-Os Vaos
Mapa dos lugares desaparecidos no Encoro da Fervenza-Os Vaos | Fonte: QPC-Modesto Garcia Quintans

Esta presa deixou baixo as augas 104 hectáreas de terreo onde había 6.923 leiras e aldeas que abarcaban os concellos de Dumbría, Mazaricos, Vimianzo e Zas. Unha decisión que levou a cabo, coa complicidade do Réxime Franquista, a Sociedad Española de Carburos Metálicos S.A. que solicitou ao Ministerio de Obras Públicas a concesión para a construción dun encoro no río Xallas que almacenaría 104 Hm3. de auga para a produción de enerxía eléctrica. A concesión foi outorgada o 22 de outubro de 1958 por un período de 99 anos.

Este encoro abarcaría unha superficie de 1.250 hectáreas,repartidas entre os concellos de Dumbría, Mazaricos, Vimianzo e Zas. A presa tería unha lonxitude de 127 metros por 26 metros de altura e a cota de máximo nivel estaría nos 285 metros sobre o nivel do mar. A parroquia máis afectada foi a dos Vaos do concello de Mazaricos.

De alí tiveron que emigrar a outras latitudes moitos veciños, máis de sesenta de sete aldeas. Así, no Castrarón foron desaloxados 9 veciños, en Ribeira de Riba, 9; en Ribeira de Baixo, 4; no Niñán, 16; en Pazos, 17; nos Vaos, 2, e na Pesqueira, 1. A todos eles expropiáronlle a casa e as propiedades e tiveron que marchar forzados. Algúns marcharían a emigración para máis nunca volver.

Cambios de clima e de paisaxe

A súa construción cambiou a vida dos habitantes desta comarca pois inundou grandes vales e extensas áreas de cultivo. Ademais o volume da auga embalsada variou o clima da zona lixeiramente, aumentando a humidade e formando grandes bancos de néboa con frecuencia.

Lugar onde estaba a aldea de Niñán, un dos lugares desaparecidos pola construción do encoro da Fervenza
Lugar onde estaba a aldea de Niñán, un dos lugares desaparecidos pola construción do encoro da Fervenza | Fonte: QPC-Modesto García

Ademais de aldeas enteiras, debaixo das súas augas ficou tamén o dolmen da Gándara de Baíñas. Entre o encoro e a desembocadura en forma de fervenza do Xallas pódense atopar tres presas hidroeléctricas máis: a da Ponte Olveira, Castrelo e a de Santa Uxía.

Transferida a Ferroatlántica

No ano 1992, esta concesión foi transferida á Empresa de Ferroatlántica. Na súa autorización administrativa dicía: “La Sociedad Ferroatlántica SL será titular del negocio de ferroaleaciones y energía eléctrica…. supone la aceptación de las condiciones reiteradamente exigidas por la Xunta de Galicia, en especial la no segregación en dos sociedades distintas de la actividad de ferroaleaciones y la producción de energía hidroeléctrica por las centrales a que se refiere la autorización, con lo cual queda salvado el interés público….”, tal e como lembra Modesto García Quintáns na Web colaboradora Que Pasa na Costa.

No ano 2007 tivo lugar un importante desastre ecolóxico. Os responsábeis da xestión do aproveitamento autorizaron o baleirado do encoro para a máxima produción de electricidade, xerando uns beneficios de 610.000 euros, pero provocaron a morte de milleiros de peixes. Por ese motivo foron condenados os responsábeis cunha multa de pouco máis de 300.000 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 nostrus

No 2007 os que consumiron a sua electricidade tamen tuveron culpa do desastre ecolóxico, xa que si non houbera consumo non haberia desastre nin beneficios.