Temas: EMPREGO CORREOS

Denuncian ante a Valedora do Pobo a contratación “irregular” de persoal eventual en Correos

Traballadores do sindicato CGT quéixanse de que se están "formalizando contratos a persoal enchufado e seleccionado a dedo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2017 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

Traballadores de Correos ligados ao sindicato CGT presentaron, aproveitando a visita do presidente da sociedade estatal, Javier Cuesta, unha denuncia ante a Valedora do Pobo, Milagros Otero, pola "excesiva contratación a persoal eventual de forma irregular".

Protesta en Correos
Protesta en Correos | Fonte: CGT.

"Coa escusa de non atopar candidatos nas bolsas de contratación internas, Correos está a utilizar a figura do 'idóneo' para cubrir contratos eventuais e leva ano e medio formalizando contratos a persoal enchufado e seleccionado a dedo sen mediar ningún tipo de proba de selección coñecida e transparente", recolle CGT, nun comunicado.

Segundo sinala o sindicato, "a última vez" que Correos abriu as bolsas á cidadanía foi en 2012, aínda que se lles solicitou "en diferentes ocasións" que as abrisen para poder ter un número de persoas "necesario para cubrir as ausencias".

Engade que, xa en outubro e ante denuncia na Inspección de Traballo da provincia da Coruña, Correos alegou que a situación se debía "a desaxustes organizativos puntuais e que eran casos extraordinarios". Con todo, o sindicato asegura que un de cada sete contratos na provincia en 2016 se fixo a persoas que "non pasaron ningún tipo de proceso selectivo".

Lembra que este feito motivou que Inspección de Traballo impuxese nese ano "unha sanción grave" a Correos en materia de contratación. CGT engadiu que "xa son máis de mil os contratos efectuados por este irregular procedemento", xa que esta forma de contratar "non diminuíu, senón que máis ben aumentou nos últimos meses".

"UNHA DESVERGOÑA" O SALARIO DO PRESIDENTE

Aproveitando a presenza de Cuesta, CGT tamén lembra que é "indecente" que se fagan "recortes" no servizo postal público mentres recibe "o sétimo salario público máis elevado, superando os 178.000 euros". "Parécenos unha desvergoña nunha empresa que arroxa perdas de 32 millóns", contrapuxo.

Por último, avanzan que a organización esixirá "responsabilidades internas na dirección de zona" e que xa comunicou a situación á valedora para que estude "as posibles responsabilidades que poidan ter as persoas que decidiron contratar deste xeito irregular".

Temas: EMPREGO CORREOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta