Ence confirma “con rotundidade” a construción dunha planta de biomasa en Pontevedra

A empresa di agora que o proxecto se fará, despois de anunciar que se ía desenvolver en Huelva.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2017 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

Ence Enerxía e Celulosa insiste en confirmar "con rotundidade" o proxecto de construción dunha planta de xeración con biomasa en Pontevedra, despois de que en días pasados aclarase que a tramitación dos permisos da instalación "durará uns dous anos", polo que a súa entrada en funcionamento queda "fóra do horizonte do plan estratéxico actual".

Ence, dende a praia de Lourido
Ence, dende a praia de Lourido | Fonte: Diego Portela en Flickr.

Nun comunicado, Ence explica este mércores que "o concurso de enerxía renovable fallado o pasado mes de xaneiro de 2016", polo que a compañía se adxudicou unha planta de biomasa de 40 MW, "esixe a entrada en funcionamento desta instalación antes de marzo de 2020".

"Os bancos que financian a construción esixen por seguridade acabar a construción en setembro de 2019", segundo puntualiza, e concreta que "dado que as obras durarán uns dous anos, é necesario iniciar a construción da planta en setembro de 2017".

Neste sentido, lembra que "todos os investimentos en Pontevedra comprometidos por Ence deben ser incluídos no Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal (PSIS)".

"Aínda que todos os proxectos previstos, excepto a planta de biomasa, xa están incluídos no PSIS, a construción da devandita planta require unha modificación que se estima durará dous anos, o que imposibilita a súa entrada en funcionamento nos prazos esixidos polo concurso", segundo conclúe.

O luns, Ence Enerxía e Celulosa anunciou que a nova planta de biomasa se desenvolverá en Huelva, dentro do negocio de enerxía, co cal Pontevedra queda neste momento sen esta factoría, inicialmente prevista cun investimento de 74 millóns de euros.

LOURIZÁN

Na súa actualización, a compañía pasteira informou ao comezo da semana da redución en 49 millóns —de 173 a 124— dos investimentos previstos na fábrica de Lourizán.

Ademais, determina unha repotenciación da turbina de coxeneración de Pontevedra, de modo que pase de 27 a 35 megawatts de capacidade neta, o que suporá un incremento de 10 millóns respecto ao plan inicial de investimentos.

Tamén sinalaba na súa comunicación á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que haberá 12 millóns para o incremento de capacidade na planta de Lourizán: pasará de 30.000 a 70.000 toneladas en dúas fases, segundo indica.

A maiores, daba conta da intención de reducir a expansión de capacidade en Navia en 20.000 toneladas —de 100.000 a 80.000— e da diminución de custos e melloras de eficiencia en ambas as fábricas —tanto en Pontevedra como en Navia-—, así como o incremento de "a excelencia ambiental" nesta última.

OUTRAS CIFRAS

Así as cousas, no feito relevante, a empresa prevé que a mellora da eficiencia reciba en Lourizán 11 millóns este ano e o que vén; oito e tres millóns, respectivamente.

Para ampliación da capacidade en 70.000 toneladas, dedicará oito millóns este ano, outro oito en 2018 e 22 en 2019 —un total de 38—, segundo a información achegada á CNMV.

Para repotenciación reserva 10 millóns: cinco que se investirán en 2018 e outro cinco en 2019; mentres que a excelencia ambiental acapara 55 millóns —10 en 2017, 12 en 2018, 10 en 2019 e 23 en 2020—. A planta de biomasa, á que se ían a dirixir 74, queda sen nada.

Deste xeito, Ence explica que a ampliación de capacidade en 30.000 toneladas implementarase na parada anual de mantemento de marzo de 2018 e que a de 40.000 toneladas adicionais, durante a parada anual dese mes de 2019, "incluíndo investimentos na caldeira de recuperación".

A repotenciación da turbina actual executarase, mentres, durante a parada anual de mantemento en marzo de 2019 e o obxectivo de produción inclúe outras 10.000 toneladas como resultado das melloras en eficiencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta