Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2017 | Actualizada ás 21:49
Miles de mulleres manifestáronse este 8 de marzo en diversos municipios de Galicia como Santiago e Vigo en prol da igualdade, así como en contra da violencia machista.
"Estamos fartas de ser asasinadas!", este foi un dos berros que se corearon ao unísono na multitudinaria protesta que arrincou da Praza 8 de marzo de Santiago sobre as 19,40 horas rumbo á Praza de Praterías con motivo do Día da Muller.
SE É AMOR NON DOE
A protesta --convocada por diversos colectivos feministas-- transcorreu tras unha pancarta na que se podía ler: 'Feminismo para avanzar. Xuntas nunha mesma loita', o mesmo lema da manifestación unitaria que xa percorreu as rúas da capital de Galicia o pasado domingo.
Así, escoitáronse cánticos como: "Somos mulleres, non incubadoras"; "Contra o patriarcado, feminismo organizado" e "Non son mortas, son asasinadas". Entre outros carteis, había mensaxes como: 'Se é amor non doe' ou 'Quéreme libre e miña'.
Pola súa banda, unha marcha convocada por colectivos feministas vigueses saíu pasadas as 20,00 horas da Praza de Portugal con destino a Porta do Sol, coa cor morada como protagonista entre as participantes.
XORNADA DE PAROS
Todo iso no mesmo día no que ao longo de toda de Galicia producíronse diversos paros parciais protagonizados por mulleres para reivindicar as mesmas condicións laborais e salariais entre sexos.
A modo de exemplo, traballadoras da Compañía Pública de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) fixeron folga por horas este mércores adheriéndose a esa protesta a nivel internacional, segundo informa a CUT.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.