Temas: IGUALDADE

CCOO denuncia á Xunta por impedirlle a unha traballadora conciliar a vida familiar e laboral

O sindicato critica que a afectada xa tivera que acudir á Xustiza para que lle foran recoñecidos os seus dereitos e lamenta que, neste caso, probablemente o deba facer de novo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/03/2017 | Actualizada ás 12:38

Comparte esta noticia

CCOO denuncia á Xunta por impedirlle a unha traballadora conciliar a vida familiar e laboral. A afectada é nai de familia numerosa —ten tres fillos menores de idade— e desprázase diariamente desde o seu domicilio na Coruña ata o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), en San Cibrao das Viñas (Ourense). A distancia obrígaa a utilizar acotío máis de tres horas para os desprazamentos.

Algunhas das protagonistas do calendario 2017 da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo
Algunhas das protagonistas do calendario 2017 da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo | Fonte: UVigo.

O CTC é unha entidade pública incluída na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamiento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Porén, "e sen argumentación motivada e fundamentada ningunha", segundo o sindicato, a traballadora é excluída da aplicación do contido na orde do 20 de decembro de 2013 sobre a xornada, flexibilidade horaria e teletraballo.

Comisións Obreiras suliña nun comunicado que "chove sobre mollado", pois esta traballadora xa tivera que acudir aos tribunais para que se lle recoñecese o dereito á flexibilidade laboral e redución horaria. "Polo tanto, ten recoñecido por sentenza o dereito á non presenza diaria no CTC polas características do seu posto", o cal constitúe un dos "requisitos esixibles" para a concesión do teletraballo, ao amparo da devandita orde.

Por iso, denuncia "discriminación" da empregada respecto, por exemplo, do persoal da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), que tamén depende de Medio Rural e conta con persoal que realiza funcións moi similares ás da afectada e en réxime de teletraballo.

As iniciativas de conciliación familiar son unha das promesas recorrentes da Xunta de Galicia, especialmente no marco do reto demográfico do país. Aínda esta mesma semana, na xornada 'Lidera, avanzando en igualdade', o presidente galego anunciaba que nesta lexislatura se poría en marcha o I Plan Galego de Conciliación.

Neste sentido, CCOO censura a "hipocrisía" da Xunta ao publicitar iniciativas en materia de conciliación cando pon "atrancos" ao seu propio persoal, que incluso se ve na obriga de recorrer á Xustiza para que os seus dereitos lle sexan recoñecidos". 

Temas: IGUALDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta