Onde e que animais foron envelenados nos montes galegos

Adega lembra que especies ameazadas coma a aguia real, tartarañas cincentas, voitres leonados, raposos, o lobo, así como cans de caza, forman parte das especies máis danadas polo uso de velenos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/03/2017 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

A Xunta anunciaba este xoves a posta en marcha un programa para erradicar o uso de cebos envelenados no medio natural ante os numerosos casos de animais, silvestres e domésticos, que aparecen mortos por envelenamento. Sen embargo, a organización ecoloxista Adega insiste no uso masivo de pesticidas para acabar con determinada fauna do monte, principalmente, lobos. De feito, vén de preguntar á Dirección Xeral de Patrimonio Natural polo número de lobos envelenados remitidos nos últimos meses ao Hospital Veterinario Rof Codina da Universidade de Santiago.

Can envelenado, presuntamente con estricnina
Can envelenado, presuntamente con estricnina | Fonte: infozona.com

O último, morto na provincia de Ourense a semana pasada.  E fai extensible a solicitude de información para determinar cantos exemplares, e de cantas especies ameazadas, teñen sido afectados e que accións de investigación ten emprendido pra dar cos responsábeis destas mortes.

Especies ameazadas coma a Aguia real (Aquila chrysaetos), tartarañas cincentas (Circus pygargus), voitres leonados, raposos, mesmo lobo, así como cans de caza, forman parte das especies máis danadas polo seu uso. O veleno máis estendido é a estricnina, moi difícil de conseguir, e polo tanto fácil de rastrexar a súa procedencia. De feito, a Xunta anunciou que quere erradicalo. A Adega tamén lle preocupan as novas formas de elaborar tóxicos moi potentes que acaban “rebentando e sometendo a unha agonía cruenta aos animais envelenados”, a base da combinación de cócteles con determinados químicos e mesmo fármacos de uso convencional que por separado non resultan perigosos.

O uso deste tipo de substancias ten unha alta casuística nos últimos 15 anos, e resulta xeneralizado para toda Galicia. Casos na Costa da Morte e en montes próximos a Pontevedra, o último no 2016, con uso de estricnina. A problemática en Lugo ten sido obxecto de mención dun informe da Garda Civil no 2014, en caso de envelenamentos masivos de cans de caza, citando concellos con alta incidencia coma Melide, Palas de Rei. Coñécese un grave caso dun oso nos Ancares, recordando da importancia que nestes momentos áreas como a Fonsagrada, Ancares e Courel teñen para a recuperación dos osos en Galicia.

A provincia de Ourense tamén é unha zona de alta incidencia, con casos graves incluso no parque do Xurés (5 mastíns mortos no 2008). Segundo informe do SEPRONA no 2006, os lugares onde se rexistraron casos de veleno na provincia foron: Padrenda, Maceda, A Peroxa, Baños de Molgas, Barbadás, Castro Caldelas, Cortegada, A Gudiña, Lobios, Parada de Sil, Sarreaus, Toén y San Xoán de Río.

Oso Pardo nos Ancares. É un dos animais que está en perigo por envelenamento
Oso Pardo nos Ancares. É un dos animais que está en perigo por envelenamento | Fonte: turgalicia

USO DE VELENOS

Adega lembra que o uso de velenos é un delicto penal, mais son moi poucos os casos  investigados que acaban sendo xulgados. O último, unha sentenza do ano 2010 na que se impuxo a pena mínima e multa de oito meses, a razón de seis euros diarios cada un, e non poder cazar durante un período de un ano, a dúas persoas de Dumbría que foran pilladas e gravados in fraganti colocando veleno nun poldro morto. 

"A pesar de que estas substancias teñen unha capacidade de eficacia destrutiva indiscriminada para calquera animal, e poden provocar un efecto xeneralizado e masivo de envelenamento na fauna, a consideración social e as consecuencias penais non están a altura da ameaza, debéndose aplicar as previsións máis duras previstas polo Código Penal para este tipo de delictos", indica nun comunicado. Por iso urxe a aprobación inmediata do Plan de Acción contra o veleno. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta