Temas: MONFORTE FUXIDAS

Monforte xa promociona a súa Feira Medieval

A XV edición terá lugar o 15 e 16 de abril e aumentará o espazo dedicado ás actividades. Dada esta efeméride, dende o concello xa se pensa en pedir o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional para o ano.

Por X.M. Fernández | Monforte de Lemos | 10/03/2017 | Actualizada ás 19:27

Comparte esta noticia

O Alcalde, José Tomé, deu a coñecer esta tarde a campaña promocional que o Concello ten en marcha para darlle a máxima difusión posible á Feira Medieval, que se vai celebrar coincidindo coa Semana Santa. Durante a roda de prensa o rexedor estivo acompañado da concelleira de Cultura, Marina Doutón, do produtor Iván Patiño, e do deseñador do cartel Xosé Quiroga, autores estes últimos do vídeo e cartel que promocionais do evento.

Presentación da Feira Medieval de Monforte
Presentación da Feira Medieval de Monforte | Fonte: X.M. Fernández

“Queremos conseguir a máxima difusión da XV edición da Feira Medieval para que o evento siga medrando”, explicou o mandatario local, “por este motivo, o que facemos é adiantar aínda máis a promoción dos tempos da feira para chegar a máis xente doutras vilas e cidades, e polo tanto, que sexa máis coñecida e que a xente poida incluíla dentro da súa programación de descanso e de ocio nas vacacións da Semana Santa”.

Para esta edición solicitaron xa participar neste evento máis dun cento de postos, a cifra máis alta dende que se celebra a Feira, dato que demostra a traxectoria e consolidación do evento.

O Alcalde adiantou tamén que ese ano aumentarase o espazo que vai ocupar a Feira Medieval, que vai ter o mesmo que tivo o ano pasado pero, a maiores, recuperará a zona do cárcere vello e a rúa Falagueira aproximadamente ata a metade e tamén a rúa Pescaderías, para poder desenvolver alí actividades.

Vídeo e cartel para a promoción da Feira Medieval

O vídeo que se presentou hoxe foi realizado pola produtora monfortina Amanita Films e as imaxes foron filmadas durante a Feira Medieval do pasado ano. Segundo nos conta o produtor Iván Patiño, “nesta ocasión quixemos facer algo diferente e incorporamos novos recursos, como é o caso do dron, as cámaras lentas ou os gimbals para construír un relato moito máis heroico. O noso obxectivo era conseguir algo dinámico e tamén épico que estivera á altura dun dos acontecementos máis importantes de Monforte”. Así mesmo quixo agradecer o traballo dos cámaras pero especialmente doutros dous monfortinos, o do montador, Carlos Álvarez  e o do compositor da banda sonora, obra de Fabio González. O vídeo promocional vaise difundir a través do mupi do Cardeal, do facebook do Concello e tamén dende a web do Eixo Atlántico. Este organismo vaise encargar de distribuílo ós 38 concellos que conforman a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O autor do cartel, o monfortino Xosé Quiroga, destacou que o motivo principal do deseño é a Tau, moi arraigada na historia de Monforte e que foi principalmente o seu escudo durante moito. Tamén referiu que no deseño quixo facer unha chiscadela á tradición da fabricación da seda.

Para rematar, Tomé engadiu que este ano vaise reforzar a publicidade do evento, haberá insercións publicitarias tanto en medios locais como provinciais e autonómicos, tanto nos nos xornais como nas emisoras e aproveitaranse as Feiras do Viño dos concellos veciños para poñer bandeirolas.

Temas: MONFORTE FUXIDAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Miguel D

O cartaz pon 15 e 16 de abril de 2017 mentres que o titular do inicio pon 14 e 15. Cal é a data que está ben?

1 Xoseman

Desculpa Miguel. Está corrixido, houbo erro inicial nas notas de prensa. 15 e 16 son as datas correctas.