COB, dez minutos horrorosos

Ourense Provincia Termal cae 69-71 ante o Barça B tras desperdiciar catorce puntos de vantaxe no último cuarto, no que encaixou un parcial de 5-21. Fran Guerra, errou catro tiros libres no último medio minuto. O vindeiro venres, Huesca de novo no Paco Paz.

Por gcdeportes | Ourense | 11/03/2017 | Actualizada ás 09:32

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Ourense Provincia Termal 69:
Christian Díaz (9), Mitrovic (11), Zarko Jukic (0), Dmitry Flis (3), Fran Guerra (15) –cinco inicial- Kapelan (14), Kyle Hittle (12), Tomás Fernández (0), Devin Wright (4) e Martín Rodríguez (1).
Barcelona B 71: Stefan Peno (7), Aleix Font (4), Kurucs (11), Jordi Trías (4) e Diagne (4) –cinco inicial- Dago Peña (19), Max Esteban (9), Víctor Sada (2), Herun (11) e Sergi Martínez (0).
Parciais: 21-16, 19-22 (40-38), 24-12, 5-21 (69-71).
Árbitros: José Antonio Pagán Baró e Alejandro López Lecuona. Sen eliminados.
Incidencias: partido da 27ª xornada da LEB Ouro no pazo Paco Paz de Ourense ante preto de 2.500 espectadores.

Christian Díaz entra a canastra ante Jordi Trías.
Christian Díaz entra a canastra ante Jordi Trías. | Fonte: Carlos Domarco (COB)

“Entrounos medo”, sentenciou Gonzalo García. Tiña o COB o partido gañado, con 64-50 no arrinque do último acto, pero atascouse de xeito incomprensíbel e xogou dez últimos minutos horrorosos, cun parcial en contra de 5-21: dez perdas de balóns, case catro minutos sen tirar a canastra, sen faltas na defensa (14 puntos de Dago Peña) e Fran Guerra que errou catro tiros libres no último medio minuto. Ourense sumou unha derrota inesperada na súa loita por entrar nos play-offs, aínda que mantén a vantaxe sobre Palma (unha vitoria e basket-average).

O letón Kurucs (9 puntos no primeiro cuarto) adiantou o Barça B no arrinque do choque (6-10), pero os puntos de Fran Guerra e as triplas de Hittle e Christian Díaz déronlle a volta ao marcador (16-13). Dago Peña anotou a súa primeira tripla, pero Ourense mandaba 21-16 tralos dez primeiros minutos.

As triplas de Hittle e Kapelan abriron unha fenda para o COB, que chegou a ter dez puntos de vantaxe (32-22), pero os de Alfred Julbe respostaron con dúas triplas de Max Esteban e outra de Peno para achegarse 37-35. Tempo de Gonzalo García e 40-38 ao descanso trala terceira tripla de Kyle Hittle e a terceira de Esteban.

Con triplas de Dmitry Flis e Fran Guerra para un parcial de 10-0, o COB recuperou o mando e a vantaxe (52-42). Julbe parou o partido, pero os cataláns non vían aro e as triplas de Mitrovic e Kapelan deron a Ourense a máxima diferenza (64-50) ao remate do terceiro acto.

Fran Guerra, 15 puntos e 13 rebotes, machaca o aro rival.
Fran Guerra, 15 puntos e 13 rebotes, machaca o aro rival. | Fonte: Carlos Domarco (COB)

Kapelan anotou a súa cuarta tripla (67-54) antes do atasco ourensán. Dago Peña, ata entón cinco puntos, anotou 9 en apenas dous minutos (67-63). Gonzalo García parou o partido pero sen atopar solución. Case tres minutos sen ningunha canastra. Peno e unha tripla de Dago Peña e o Barça B gañaba 67-68. Dous tiros libres de Christian Díaz puxeron o COB arriba (69-68), pero Peno respostou (69-70). Fran Guerra erros os dous primeiros tiros libres, Herun sumou un (69-71) e Guerra errou outros dous. Desfeita final do COB no Paco Paz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta