Ocasión perdida polo Breo

O Cafés Candelas, que chegou a ter 13 puntos de vantaxe tralo descanso, cae 86-92 con Gipuzkoa tras encaixar 41 puntos nos últimos 13 minutos e queda a dúas vitorias do liderado. Só Matt Stainbrook anotou para os lucenses nos últimos cinco minutos.

Por gcdeportes | Lugo | 11/03/2017 | Actualizada ás 23:51

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Cafés Candelas Breogán 86:
Josep Franch (11), Rafa Huertas (6), Salva Arco (11), Fakuade (10), Matt Stainbrook (18) –cinco inicial- Lobito Fernández (6), Iván Cruz (2), Thomas Bropleh (8), Sergi Quintela (8) e Gilling (6).
Retabet.es Gipuzkoa 92: Ricardo Uriz (8), Lander Lasa (3), Joan Pardina (13), Mike Carlson (24) e Slezas (6) –cinco inicial- Sergi Pino (13), Simeonov (14), Xabi Oroz (4), Jackson Capel (2) e N’Doye (5).
Parciais: 19-19, 28-22 (47-41), 19-22 (66-63), 20-29 (86-92).
Árbitros: Juan P. Morales García-Alcaide e Juan F. González Cuervo. Eliminaron por cinco faltas persoais a Fgakuade nos lucenses e a Capel nos guipuscoanos.
Incidencias: partido da 27ª xornada da LEB Ouro no pazo Provincial de Deportes de Lugo ante arredor de 4.000 espectadores. Debutou Thomas Bropleh nos lucenses.

O Breo caeu 86-92 con Gipuzkoa e queda a dúas vitorias da primeira praza.
O Breo caeu 86-92 con Gipuzkoa e queda a dúas vitorias da primeira praza. | Fonte: @CBBreogan

A trece minutos do final, Breogán gañaba 64-51 ao líder Gipuzkoa; en tres minutos, parcial de 2-12 e 66-63. Con 70-63, parcial de 0-7 para os de Porfirio Fisac. Con 78-73, parcial de 2-11 para os gipuscoanos. Todas as vantaxes desperdiciadas. Tralo empate 86-86, tripla de Simeonov e derrota por 86-92. Gipuzkoa foi mellor nos momentos decisivos. Decepción no Pazo, tras perder o Breogán a ocasión de achegarse ao liderado da LEB Ouro. A falla de sete xornadas, Gipuzkoa, co basket-average a favor, suma 19 vitorias, por 17 e un partido aprazado para Breogán.

Breogán comezou por diante coas triplas de Salva Arco e Rafa Huertas, pero outras dúas de Joan Pardina déronlle a volta ao marcador para Guipuzkoa (13-16). Anotaron dende 6,75 Lobito e Quintela, pero Lander Lasa respostou para o 19-19 tras dez minutos. No arrinque do segundo acto, triplas de Bropleh e a segunda de Quintela, pero Natxo Lezcano parou o partido tras un par de ataques errados con 25-25. O Breo impuxo o seu ritmo e acadou un parcial de 8-0 cunha tripla de Rafa Huertas e 5 puntos de Bropleh, o que provocou o tempo de Gipuzkoa con 33-25. Uriz anotou un par de triplas para os visitantes, pero Gilling respostou con outras dúas (9/21 en T3 ao descanso) e o Breo mandaba tras dous cuartos 47-41.

Cos puntos de Salva Arco e Fakuade, o Breogán alcanzou a máxima diferenza do partido (59-46), pero Fakuade errou varios tiros libres cos que puido ter sentenciado o encontro. Josep Franch puxo o 64-51, pero Simeonov anotou 7 puntos consecutivos e Mike Carlson pechou o cuarto cunha tripla dende campo propio: 66-63.

Matt Stainbrook e Iván Cruz puxeron o 70-63, pero a iniciativa xa era de Gipuzkoa, que cun parcial de 0-7 empatou o encontro. De tres sumaron Lobito e Arco (2+1), pero Sergi Pino anotou tres triplas case consecutivas, e Gipuzkoa púxose por diante tras un 2+1 de Carlson (80-81). Nos últimos cinco minutos de partido, no Breogán só anotou Matt Stainbrook (7 puntos) e Fakuade un tiro libre. Outra tripla de Pardina e 80-84. Con 86-86, outra de Simeonov decidiu, e Gipuzkoa acabou gañando 86-92, con 14 triplas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta