Obra, imposible en Zaragoza

O equipo compostelán, sen Shayne Whittington e con tan só oito xogadores, cae 85-59 en Zaragoza e perde tamén o basket-average cun rival directo. Os de Moncho Fernández quedan con 6 vitorias, a unha de Joventut, UCAM Murcia e Betis. Real Madrid, vindeiro rival en Sar.

Por gcdeportes | Compostela | 12/03/2017 | Actualizada ás 00:55

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Tecnyconta Zaragoza 85:
Sergi García (13), Juskevicius (8), Benzing (22), Jelovac (16), Henk Norel (9) –cinco inicial- Tomás Bellas (1), Gecevicius (6), Jonathan Barreiro (0) e Isaac Fotu (10).
Obradoiro 59: Mickey McConnell (10), Dulkys (12), Santi Yusta (0), Bendzius (6), Artem Pustovyi (17) -cinco inicial- Matulionis (3), Nacho Llovet (8), Fran Cárdenas (0), Pepe Pozas (3) e Rodrigo Gómez (0).
Parciais: 26-16, 15-17 (41-33), 27-12, 17-14 (85-59).
Árbitros: Antonio Conde, Óscar Perea e Pedro Munar. Eliminaron por cinco faltas persoais a Artem Pustovyi (37’) e Nacho Llovet (39’).
Incidencias: partido da xornada 24ª da Liga ACB disputado no pavillón Príncipe Felipe de Zaragoza ante 6.858 espectadores. Debutou co Obradoiro na ACB o galego Rodrigo Gómez.

Osvaldas Matulionis, na defensa de Henk Norel en Zaragoza.
Osvaldas Matulionis, na defensa de Henk Norel en Zaragoza. | Fonte: @Basket_Zaragoza

Con tan só oito xogadores (máis o debut de Rodrigo Gómez) e 4/27 en lanzamentos triplos, imposíble presentar batalla na visita a Zaragoza. Ás baixas de Corbacho, Txemi Urtasum, Rosco Allen e Adam Pechacek, uniuse a última hora a de Shayne Whittington. Con só dous pivotes e Bendzius xogando moitos minutos de catro, Obradoiro tentouno ata o arrinque do terceiro cuarto (43-37), pero un parcial de 20-6 sacouno do partido e acabou encaixando unha dolorosa derrota (85-59) ante un rival directo na loita pola permanencia que estreaba adestrador (Luis Guil). O Obra queda con seis vitorias, a unha de Joventut, UCAM Murcia e Betis. Oito suma Zaragoza.

E ademáis das baixas, o xa case habitual mal arrinque de partido dos de Moncho Fernández, que encaixaron un parcial de 12-0, con tres triplas (dúas Benzing e unha Sergi García) e un 2+1 de Norel. A primeira canastra de McConnell tardou case tres minutos e medio. Con dúas triplas máis de Benzing, Zaragoza chegou a ter 15 de vantaxe (24-9). Bendzius e unha tripla de Matulionis puxeron o 26-16 tras dez minutos. Cos puntos de Pustovyi, Obradoiro achegouse a 27-22, pero os composteláns estiveron máis de tres minutos sen anotar ata unha canastra de Nacho Llovet e Zaragoza mantivo a diferenza nos dez puntos. Ao descanso, 41-33 tras unha tripla de Pepe Pozas e unha canastra final de Mickey McConnell.

Artem Pustovyi, con 6 puntos consecutivos, termaba do Obra (47-39), pero Zaragoza apertou en defensa, ninguén substituiu ao pivote ucraíno na anotación e o acerto de Sergi García e Benzing fixo que a vantaxe local chegase ata os 20 puntos (63-43). Ao remate do terceiro cuarto, 68-45 tras un parcial de 27-12. O equipo de Moncho Fernández baixou os brazos no último cuarto e nin sequera foi quen de loitar polo basket-average (80-63 en Sar), e acabou encaixando unha dolorosa derrota por 85-59, a terceira máis avultada desta tempada tralo 91-57 en Gran Canaria e o 106-59 co Real Madrid, vindeiro rival en Sar. O pivote australiano Aleks Maric chegará esta semana, e non se descarta a posibilidade doutro reforzo máis ante a epidemia de baixas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta